O dono dunha empresa evita que lle rouben máis de 800 euros en palés

O fundador dunha recoñecida firma mariñá de conservas e peixes achegouse por casualidade a mañá do domingo á nave de Fazouro onde sorprendeu aos ladróns
Polígono de Fazouro, donde se ubica la nave
photo_camera Polígono de Fazouro, donde se ubica la nave

Un grupo composto por tres individuos, que viaxaban nunha furgoneta da marca Fiat, subtraeu 150 palés que estaban apilados no exterior dunha nave dunha empresa de Fazouro e que os seus propietarios deixaran preparados para montar neles os envíos, tanto de peixe fresco, como conxelado, de comezos da semana. O fundador da firma adoita ir dúas ou tres veces ao día polas instalacións, non en balde "custou levantar todo isto" e así o fixo o domingo, ás once da mañá. Cal sería a súa sorpresa cando se topou case de bruzos cos ladróns, cargando o material. Ao velo, fuxiron a gran velocidade co vehículo, o que impediu "que volvesen para facer outra viaxe e seguir furtando mercancía", asegura o dono, que valorou as perdas en 800 euros.

"Levaron 150 palés que nós compramos a cinco euros polo menos cada un e que eles venderán a un, dous ou tres euros", sinalan os propietarios. Con todo, para o fundador da empresa "incorre en maior delito o que a compra, nunha especie de mercado ilegal, consciente de que está a comprar material que lexitimamente era de alguén".

Cando chegou ás instalacións, o fundador achegouse ata situarse detrás dos ladróns. Ao velo, eles empezaron a recoller rápido para fuxir e o dono recoñece que se deu a volta, porque: "Que ía facer? Encararme con eles directamente, perseguilos?". Por iso, avisou á Garda Civil e interpuxo este luns a denuncia.

O propietario está convencido de que estaban a facer varias viaxes cargando os palés e que a súa presenza impediu que volveran a por máis. De feito, el viu como a súa presenza fixo posible que, "nesa viaxe xa non lles dese tempo a cargar nada e tiveron que abandonar o lugar rápido".

Opina que: "Deben de ter algún lugar, unha casa ou algo cerca, para depositar a mercancía segundo van enchendo a furgoneta", especulaba este luns.

O polígono de Fazouro carece dun servizo de vixilancia, mediante cámaras, ou de vixiantes de seguridade, co que ata certo punto pode entenderse que está aberto o acceso ao recinto. A instalación en cuestión está pendente de fabricar un peche que impida estes roubos, porque lles resulta máis práctico, por operatividade e por espazo, deixar parte dos palés fóra.

"Estiven a atrasar a obra do peche, pero vouna empezar a executar", avanzou este luns o fundador. Si dispoñen dun equipo de videovixilancia que captou ao vehículo e aos ladróns. "Afortundamente non houbo que atrasar ningún envío pola falta de palés porque contamos cun stock", matizou o fillo do fudador e xerente da empresa.

ROUBOS EN BURELA. Da confraría burelense tamén subtraeron 30 caixas de carnada de xarda dun palé; un roubo duns 180 euros. Outra empresa do lugar, do puerte burelense, sufriu un acto vandálico nun camión e o roubo de diverso material. Hai un ano tamén lle roubaron pero non tivo noticias o propietario de que detivesen a ninguén polo anterior delito. Algúns usuarios demandan vixilancia nocturna na dársena portuaria, na que xa operan dous vixiantes de seguridade.

Comentarios