O Congreso pide que a familia Franco devolva as esculturas do Pórtico da Gloria que están en Meirás

As dúas tallas están no Pazo de Meirás ►En Marea pide que sexan exhibidas no museo da catedral de Santiago
Pazo de Meirás
photo_camera Pazo de Meirás

A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade a proposición non de lei que insta o Goberno que reclame á familia do ditador Francisco Franco a devolución de dúas figuras pertencentes ao Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela.

A proposición presentada polo grupo parlamentario de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea pide que se realicen as comprobacións para saber se a posesión das esculturas de "Isaac/Ezequiel e Abraham/Xeremías" por parte da familia Franco foron "obxecto dun espolio".

Se así fóra, engade o texto, Podemos-En Comú Podem-En Marea pide que leven as accións pertinentes para proceder á devolución das esculturas ao seu "lexítimo propietario", o Concello de Santiago.

Segundo a defensa realizada polo parlamentario de En Marea Miguel Anxo Fernández Bello hai que "depurar posibles responsabilidades" para que as dúas tallas, na actualidade no Pazo de Meirás na Coruña, "sexan devoltas e sexan exhibidas no museo da catedral de Santiago (...) Trátase dunha cuestión de xustiza e decencia", destacou.

"Consideramos que existen argumentos sobrados para que o Ministerio de Cultura proceda a levar a cabo un labor de mediación en aras a reclamar á familia Franco que devolva as estatuas ao seu lexítimo e legal propietario, o Concello de Santiago, para que redunden no beneficio colectivo", agregou.

A proposición non de lei saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular, Ciudadanos e Partido Socialista.

Comentarios