Vilalba ultima as obras na piscina climatizada

Está a substituír o sistema eléctrico e de cloración, entre outros traballos, cun orzamento de máis de 200.000 euros

O Concello de Vilalba está ultimando as obras da piscina climatizada da vila, localizada na área recreativa da Magdalena, co obxectivo de tela lista para reabrir as súas portas a principios de setembro. Os traballos, que inclúen a modificación dun sistema eléctrico deteriorado e obsoleto, así como a substitución do de cloración, contan cun orzamento de máis de 200.000 euros, segundo informou o rexedor vilalbés, Agustín Baamonde, quen explicou que se destinarán "fondos propios, aínda que temos solicitada unha subvención á Xunta, que esperamos que nos concedan".

Esta actuación comezou hai xa algunhas semanas, pero o goberno local decidiu aproveitar o mes de agosto, no que a instalación permanece pechada ao público, para finalizar aqueles traballos que requerían que non houbese usuarios no interior. E é que ademais, está previsto que durante as próximas semanas se sele a base da piscina e se melloren os sistemas de condución da auga dos baños, que "estaban dando algúns problemas", segundo destacou Agustín Baamonde.

O Concello vilalbés propúxose este verán mellorar as dúas piscinas municipais coas que conta, tanto a climatizada coma o parque acuático, co fin de darlle un mellor servizo aos veciños. 

Nos últimos días, tamén se realizaron traballos no exterior da piscina. "Botouse unha capa de aglomerado na explanada que hai ao lado. Estaba moi deteriorada, co cemento cuarteado, e mellorouse", engadiu Baamonde.

OUTROS PROXECTOS. As instalacións deportivas da Magdalena volverán a ser obxecto doutras intervencións en pouco tempo. Así, o alcalde confirmou que é necesario "arranxar e acondicionar de novo as pistas de tenis". Este proxecto aínda non está pechado, xa que polo momento só teñen un orzamento que ascendería aos 60.000 euros. "A partir de setembro queremos revisar outras propostas para ver por cal optamos", conclúe o rexedor vilalbés.

Comentarios