O Concello sarrián asegura que devolveu o Muíño do Toleiro á Xunta

Di que o Xacobeo é o responsable do mantemento do edificio
El Muíño do Toleiro, ubicado en el centro de Sarria
photo_camera El Muíño do Toleiro, ubicado en el centro de Sarria

O Concello sarrián devolveu o Muíño do Toleiro ao Xacobeo, segundo asegurou a alcaldesa, Pilar López. Por iso, esta administración é agora a responsable da conservación e o mantemento da construción, dixo.

O organismo autonómico adquiriu este inmoble hai unha década. En xaneiro 2015 cedeullo ao Concello por un período de 25 anos en virtude a un convenio asinado polas dúas administracións. Entón estaba previsto que o edificio fose rehabilitado pola administración local cun taller de emprego para destinalo a usos culturais e turísticos.

Con todo, os alumnos do obradoiro non chegaron actuar no muíño por non dispor o Concello da correspondente autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), sinalou a rexedora. Por iso, o taller encargouse ao final de rehabilitar os pendellos do campo da feira.

Pilar López afirmou que fai "máis dun ano" a xunta de goberno local aprobou devolverlle ao Xacobeo o inmoble e así lle foi notificado ao organismo autonómico. "Non é verdade que se descoñeza cal é a administración encargada. Agora volve ser do Xacobeo e son os responsables do seu coidado, aínda que non saben qua facer agora co muíño", dixo a alcaldesa.

Cando foi adquirido pola Xunta de Galicia proxectábase crear nas instalacións un museo etnográfico e oficinas para o Xacobeo e o Centro Unesco, o que nunca saíu adiante. O estado do muíño motivou queixas dos veciños, xa que se atopa moi deteriorado, con cristais rotos, pintadas, maleza e danos nas construcións. Por iso, residentes na zona reclamaron que as administracións tomen medidas co inmoble, situado no centro da localidade sarriá, nas inmediacións do paseo do Dique.

LIMPEZA DO RÍO. Os veciños tamén lamentaron o mal estado da canle do Muíño do Toleiro, que está cuberto de maleza, e do río. A alcaldesa afirmou que desde o Concello pediron permiso á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para acondicionar a canle, aínda que por agora non o obtiveron. "Desde a CHMS contestaron que recibiron xa a solicitude, pero aínda non nos deron o permiso", indicou.

Comentarios