O Concello pontés habilita unha pista de fútbol indoor no Poboado das Veigas

As instalacións son un primeiro paso para ampliar a zona deportiva, que contará cun campo de herba artificial e tres canchas de pádel
La pista de fútbol
photo_camera La pista de fútbol

O Concello das Pontes ultima os traballos para abrir unha pista de fútbol indoor no Poboado das Veigas. As instalacións, ás que se destinaron ao redor de 47.000 euros de fondos das arcas municipais, estarán abertas ao público previsiblemente no prazo máximo dun mes.

"É unha demanda de hai tempo, dos veciños e sobre todo do Club Deportivo As Pontes, que leva anos reclamando un campo de herba artificial para os adestramentos e esta pista será unha solución temporal", explica o edil de deportes das Pontes, Chicho Tembrás, que confirma que o campo de herba artificial será unha realidade tamén.

"Farase dentro das instalacións do CD As Pontes, na zona na que agora está o campo de area e collerá outros terreos anexos porque as dimensións son bastante grandes —terá 120 metros de longo—. Xa se encargou o proxecto, que financiará a Deputación da Coruña, e o campo será para practicar fútbol e rugby", di Tembrás, que recorda que as instalacións de tiro con arco xa están alí tamén, á vez que explica que co tempo o atletismo tamén se trasladará a esta zona.

"Trátase de aproveitar unha instalación e centralizar todo o deporte aquí, agora que xa se asinou o convenio con Endesa e que os campos de fútbol, a piscina da Lareira e parte dos terreos do Poboado das Veigas pasarán a ser de titularidade municipal", di o edil de deportes pontés, á vez que anuncia outro dos proxectos do Concello a curto prazo para esta zona: a creación de tres pistas de pádel cubertas —teñen unhas dimensións de 20 metros por dez aproximado cada unha— nas inmediacións da nova pista de fútbol indoor.

Estas instalacións melloran unha antiga pista situada no mesmo lugar, duns 40 metros de longo por 20 de ancho. "Estaba en desuso e queriamos modernizala", di Tembrás.

A antiga pista de fútbol do Poboado das Veigas xa estaba cuberta, pero se repararon as pingueiras e as zonas en mal estado, colocáronse redes en todo o perímetro e agora procederase á renovación de toda a iluminación. Ademais, xa se colocou o céspede artificial e fixéronse as soleiras para instalar os valos perimetrales, así como as dúas porterías, que quedan fóra da pista. "Agora faltan os bancos e unha porta para pechar toda a instalación", indica o edil de deportes das Pontes.

Comentarios