O Concello entregará en Cuba o título de Fillo Adoptivo a Castro

Unha delegación da illa caribeña visitou Láncara para "estreitar lazos"
La delegación cubana, con el alcalde, ediles y vecinos
photo_camera La delegación cubana, con el alcalde, ediles y vecinos

Unha representación do Concello de Láncara prevé viaxar a Cuba antes de finais de ano para facer entrega da distinción de Fillo Adoptivo a Raúl Castro. Este foi un dos asuntos abordados nunha visita dunha delegación da illa ao municipio lancarés.

Esta estivo formada pola directora para Europa do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (Icap), Gladys Elena Ayllón; un funcionario desta entidade en Madrid, Raimundo Pino; e o vicexefe de Aduana do país caribeño, Moisés Rodríguez. Acompañounos o presidente da Asociación de Amizade Astur-Cubana Bartolomeu de las Casas, José Peláez Prados; o alcalde, Darío Piñeiro; o secretario do colectivo Val de Láncara, Carlos López Sierra; e concelleiros.

A delegación asinou no libro de honra do Concello e visitou a casa de turismo rural de Láncara e a vivenda do pai dos irmáns Castro. No encontro trataron a entrega da distinción ao mandatario cubano nunha viaxe de represantes do Concello e empresarios que terá lugar antes de finais de ano, sinalaron. Ademais, abordaron a posible cesión da casa do pai do Castro para crear un museo.

A visita dos representantes cubanos tivo lugar con motivo da súa participación no 14º Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba, celebrado en Bilbao.

O obxectivo da súa estancia é "estreitar lazos", explicou Gladys Elena Ayllón. "Desde o Icap sempre imos apoiar en loxística a organización de encontros e que a xente de Láncara coñeza a realidade de Cuba. Os vínculos históricos entre Láncara e a illa non se deben perder", apuntou.

Esta e Moisés Rodríguez destacaron a oportunidade de visitar a vivenda paterna dos Castro. "Vir a este lugar e coñecer a casa éncheme de enerxía. Oxalá todos os cubanos tivesen a oportunidade de estar nela", sinalou Rodríguez, quen asegurou que durante 28 anos anos estivo "infiltrado na CIA".

Comentarios