As obras trátanse na xunta de goberno local

O Concello de Vilalba porá pasos elevados na Rúa da Pravia e os accesos ao centro urbano

O goberno local busca reducir a velocidade no centro ►O proxecto conta cun orzamento de 70.000 euros

O Concello de Vilalba promove un proxecto para instalar pasos de peóns elevados en varios puntos do centro urbano, de forma que se adecuarán os existentes na Rúa da Pravia e colocaranse outros novos en tres accesos á vila.

A iniciativa, que ten o dobre obxectivo de reducir a velocidade no centro do pobo e mellorar a accesibilidade, conta cun orzamento de 70.000 euros, procedentes das arcas municipais, tal e como apuntou o alcalde vilalbés, Agustín Baamonde.

"A xente quéixase da velocidade á que pasan moitos coches por esta zona, sobre todo pola noite. E tamén hai moitos vehículos que entran ao pobo demasiado rápido, polo que é preciso pór pasos elevados para advertir aos condutores que entran en zona urbana", indicou o rexedor.

Así, veranse afectados os catro pasos de peóns que hai na Rúa da Pravia e o primeiro da rúa Campo de Ponte, xunto ao cruzamento de Plácido Pena, xa que "é o que máis problemas por accidentes ocasiona".

Os traballos incluirán a modificación parcial da liña das beirarrúas, de forma que se prolongará esta para aliñala coas árbores que flanquean os pasos de peóns. A idea é que os viandantes gañen en visibilidade á hora de cruzar sen necesidade de baixarse á beiravía, tal e como ocorre agora.

En canto ás entradas ao centro urbano, instalaranse pasos elevados nos accesos das estradas de Lugo -na Avenida Cidade de Lugo-, A Coruña -rúa Conde Pallares- e Oviedo -Campo de Ponte-. Non se inclúen neste proxecto as entradas desde as estradas de Ferrol e Meira, ao contar xa con elas -aínda que na Avenida Terra Chá reformaranse cando leve a cabo o plan de mellora desta travesía, que a Xunta cederá ao Concello-.

ABASTECEMENTO. Outro proxecto que o Concello vilalbés acometerá en breve é o de dotar de abastecemento de auga aos barrios de Casanova e Fontevilar, en Mourence. Os traballos afectarán a un tramo de case tres quilómetros da estrada que vai a Santaballa e permitirán levar a subministración de auga a 27 vivendas e edificacións.

O proxecto conta cun investimento de 70.000 euros de fondos municipais -procedentes da achega de Espina y Delfín SL tras a revisión do seu contrato-. O Concello está pendente de recibir os permisos da Deputación, por ser titular da vía; Patrimonio, por haber un castro cerca, e Fomento, por ser área de afección da autovía A-8.

Comentarios