O Concello de Vilalba mellorará a accesibilidade das rúas e a biblioteca

O goberno local realiza un estudo para ver que obras son necesarias para "facer transitables todas as vías" nun prazo duns dous anos
La totografía ganadora, de Iria Silvosa, del concurso promovido por las Xuventudes Socialistas con motivo del Día Mundial de las Personas con Discapacidad
photo_camera La totografía ganadora, de Iria Silvosa, del concurso promovido por las Xuventudes Socialistas con motivo del Día Mundial de las Personas con Discapacidad

O Concello de Vilalba traballa actualmente na elaboración dun plan para mellorar a accesibilidade viaria do centro urbano e dalgún edificio de titularidade municipal. Para iso, está a realizarse un estudo para analizar o estado das rúas e beirarrúas e ver que actuacións habería que levar a cabo para "facer transitables todas e cada unha" das vías, tal e como manifestou o alcalde, Agustín Baamonde. 

Dentro deste plan tamén se está valorando a posibilidade de instalar un ascensor na biblioteca, único edificio municipal que aínda non é totalmente accesible. "No concello, a casa da cultura e o auditorio xa o hai, pero non na biblioteca, que conta co agravante de que o salón de actos está na segunda planta", apuntou o rexedor. 

Aínda así, Baamonde destacou que "o que máis preocupa" ao goberno local "é a accesibilidade viaria". "Basta con dar un paseo por Vilalba para ver que as beirarrúas ou non teñen rebaixes ou as que os teñen non cumpren coa normativa", dixo o alcalde vilalbés, que engadiu que é importante cambiar isto "para as persoas con mobilidade reducida, sobre todo as que van en cadeiras motorizadas, que se poden quedar paradas se non é a inclinación adecuada", aínda que tamén para facilitar o paso das normais ou os carriños de bebé. 

Unha vez que se conclúa o estudo, realizarase un proxecto no que se reflectirá finalmente que obras hai que realizar e a súa contía, "aínda que haberá que actuar practicamente en todas, porque a idea é facelas todas transitables". En canto ao prazo que manexa o Concello, Baamonde apunta que dependerá do que haxa que facer finalmente. "Se podemos facelo nun ano, ben, pero igual non é posible. Se non, nun par de anos estará resolto un problema importante que hai en Vilalba, porque a accesibilidade que hai é algo que deixa bastante que desexar", asegurou Baamonde. 

XULGADO. Outro edificio público vilalbés cuxa accesibilidade é practicamente inexistente é o xulgado, que conta con tres plantas e unha entrada con varios chanzos. Agustín Baamonde avanzou a intención da Xunta de dotar estas dependencias dun ascensor proximamente.

Comentarios