O Concello de Taboada fai un terceiro viario no polígono

A obra estará terminada antes de que empece novembro e permitirá pór á venda unha parte das parcelas sen acceso
Fábrica de piensos Aira, en el polígono taboadés.
photo_camera Fábrica de piensos Aira, en el polígono taboadés.

O polígono industrial taboadés, onde está instalada unha das maiores empresas da comarca, como é a fábrica de pensos Aira, terá un terceiro viario antes do próximo mes de novembro, segundo adiantou o alcalde, o popular Ramiro Moure Ansoar. As obras de construción da nova rúa xa están en marcha, pois a empresa construtora realizou os primeiros traballos de reformulo e xa dispón de manquinaria na zona.

O rexedor taboadés precisou que a construción a xestiona o Concello grazas a que a Consellería de Industria dispuxo unha axuda de 120.000 euros para materializar o proxecto, co que se permitirá pór á venda novas parcelas do polígono.

Dous viarios

O parque industrial de Taboada conta na actualidade con dous viarios. Un deles é o que dá acceso á fábrica de pensos Aira e outro paralelo que transcorre pola fronte do recinto empresarial. Así, restaba por facer un enlace entre ambos para que a terreos da área próxima poidan estar en disposición para polos á venda.

Ramiro Moure Ansoar mostrou a súa satisfacción polo futuro que se presenta cando o novo acceso estea terminado. «Contaremos cunha zona urbanizada máis. é o avance que precisabamos para que as empresas miren cara a este polígono. De feito xa estamos en xestións con tres ou catro que poderían xerar varios empregos e sobre todo atraer a outras firmas», dixo, sen querer entrar en máis detalles.

O alcalde descartou explicar os trámites que realiza con algunhas empresas por varias cuestións. «En primeiro lugar, nunca se sabe se sairán adiante e as propias firmas piden discreción porque descubrirían a súa estratexia fronte a outras do sector. Doutro lado, haberá un proceso de negociación entre Xestur, xestor do polígono, e as empresas para acordar desde o prezo das parcelas ata posibles subvencións», manifestou.

A creación do novo viario permitirá que o custo dos terreos sexa menor que nun principio se pensaba porque desta forma, ao facer o novo acceso o Concello, non o terá que acometer Xestur. Por iso non repercutirá o seu custo no valor dos terreos.

«Como calquera alcalde, que máis quixese que dicir cantas e que empresas están interesadas. En canto poida, fareino, e espero que sexa pronto», remachou.

Comentarios