O Concello de Láncara denuncia deficiencias nunha rúa da Pobra reformada en 2015

O alcalde lancarés asegura que se producen problemas coas canalizacións do saneamento nun tramo da avenida de Valdriz
La avenida de Valdriz de A Pobra de San Xiao
photo_camera La avenida de Valdriz de A Pobra de San Xiao

O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, denuncia deficiencias no saneamento da avenida de Valdriz da Pobra de San Xiao, que foi remodelada fai tan só un ano pola Xunta.

Piñeiro asegurou este luns que existen queixas veciñais, xa que desde a intersección coa rúa Julio Iglesias ata o número 40 da avenida de Valdriz, hai problemas co saneamento e incluso chega a subir a auga das tubaxes ata o baño dunha vivenda.

Segundo a versión do rexedor, a Xunta foi informada desta situación e un técnico encargouse de revisar a vía. "Cando destapamos os sumidoiros viuse que unha tubaxe, que estaba previsto cambiar no proxecto inicial, non se cambiou porque se atopaba en bo estado", apuntou.

Darío Piñeiro asegurou que o problema está no tamaño do diámetro dos canos. "Nese tramo o tubo ten un diámetro de 125 milímetros, mentres que na parte de arriba da rúa meteron un de 140 milímetros. Desta forma entra demasiada auga e faise un tapón provocando que suba ata a vivenda dun veciño. É unha chapuza", afirmou. O Concello, dixo, tivo que soldar algúns sumidoiros porque a presión da auga levantábaas.

Solicitou á Xunta unha solución técnica e que sexa viable. "Estou disposto a levar este asunto ao xulgado. Se non atopan unha solución terán que levantar de novo a rúa nese tramo", afirmou. Ademais, Piñeiro solicitou unha entrevista "urxente" cun responsable da Consellería de Medio Ambiente para tratar este tema e obter unha solución inmediata.

"É unha auténtica chapuza, é incrible. Non entendemos como o anterior goberno aceptou esa obra. É un tema grave, é unha reforma que costou moito diñeiro (preto de 400.000 euros) como para volver levantar de novo un tramo da avenida", manifestou.

O Concello de Láncara, afirmou, solicitou á consellería hai dous meses o proxecto inicial e o reformado, pero dixo que non recibiu resposta. Reclamou, ademais, que se lles explique a razón pola cal esa canalización non foi renovada durante as obras que se realizaron porque se supón que o cambio desta tubaxe si estaba incluído no proxecto inicial da obra.

Comentarios