lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

O Concello de Baralla pecha o mandato sen débedas bancarias tras pagar todos os préstamos

O remanente de 2014 permítelle amortizar os créditos. Destinará 100.000 euros a accesos e 3.000 a mobiliario

O Concello de Baralla chegará á final do actual mandato sen débedas bancarias. Así o indicou o alcalde, Manuel González Capón, no pleno no que se aprobou unha modificación de crédito que permitirá amortizar todos os préstamos que pesaban sobre as arcas municipais.

En total, o Concello de Baralla destinará 20.500 euros para cancelar a súa débeda cos bancos. Os orzamentos municipais para 2015 contemplaban unha partida de 7.500 euros e a modificación de crédito aprobada recentemente permitirá achegar 13.000 euros máis.

González Capón explicou no transcurso do pleno que a modificación de crédito é posible en virtude do remanente de tesourería resultante do ano 2014. A partida destinada a pagar préstamos bancarios é só unha parte. En total, explicou que se modificará o destino de 116.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou na súa edición de onte a repartición orzamentaria resultante tras esta redistribución de fondos. Os citados 13.000 euros destinaranse a amortización de crédito, 100.000 a arranxo de infraestruturas e 3.000 a adquisición de mobiliario para o consistorio.

González Capón mostrouse orgulloso de "terminar o mandato cun Concello que non debe nada". Valorou tamén a posibilidade de destinar 3.000 euros a comprar mobiliario para a casa consistorial, que sufriu serios danos a consecuencia da explosión dunha bomba en outubro do ano pasado.

ACTUACIóNS. A modificación de crédito fíxose efectiva onte coa publicación no BOP, tras ser aprobada no pleno do 27 de marzo. Nesa sesión, o alcalde de Baralla avanzara algunhas das actuacións previstas no plan de arranxo de vías.

Indicou que se mellorarán accesos a núcleos das zonas de Neira de Rei, Cobas, Castro de Lexo e Vilartelín, aínda que precisou que o programa de obras non estaba pechado.

Manuel González Capón apuntou tamén a intención do goberno local de ampliar algúns camiños "nos casos nos que haxa dispoñibilidade de paso por parte dos veciños".

Ante as críticas por programar estas obras xusto antes das eleccións, o alcalde indicou que "o momento adecuado é cando hai diñeiro. Agora dispomos de remanente do ano pasado e podemos investilo, non foi posible dispor desa partida antes".

O Concello de Baralla pecha o mandato sen débedas bancarias tras...
comentarios