Cambios

O Concello begontés iniciará en novembro a reforma integral do consistorio

O orzamento total da obra rolda os 300.000 euros

O Concello de Begonte iniciará o próximo mes de novembro as obras para acometer unha reforma integral da casa consistorial, un edificio antigo e con bastantes carencias situado na Praza dos Irmáns Souto Montenegro.

"É uns dous consistorios máis deteriorados da provincia de Lugo", apunta o alcalde de Begonte, José Ulla, que defende que as obras son moi necesarias, xa que o edificio, á parte de ser "moi antigo", non cumpría requisitos básicos como a accesibilidade.

"Ten goteiras, problemas estruturais e hai que dotalo de accesibilidade nas dúas plantas", resalta o rexedor begontés, que confirma que o que se manterá será a estética do edificio e da súa fachada principal.

O orzamento total para acometer a reforma integral do consistorio, que leva o cambio da cuberta, reforzar as estruturas do inmoble, a substitución da carpintería interior e exterior e a colocación dun ascensor dentro do edificio para comunicar ambas as plantas, roza os 300.000 euros, segundo explica o alcalde.

As obras incluirán o cambio da cuberta, reforzar as estruturas do inmoble, a substitución da carpintería interior e exterior e a colocación dun ascensor dentro do edificio para mellorar a accesibilidade

A primeira fase, que será a que arrincará agora, xa conta cuns 140.000 euros de fondos consignados. A través dun convenio co Concello, a Deputación Provincial de Lugo achegará 72.000 euros, aos que se sumarán 35.000 doutro convenio coa Vicepresidencia da Xunta e outros 35.000 que sairán das arcas municipais.

"Nesta primeira fase realizarase o cambio de cuberta por outra de lousa e reforzaranse as estruturas", indica Ulla, que recoñece que non é a mellor época para realizar a obra, pero explica que se demorou porque non conseguían o financiamento necesario, polo que agradece "a achega e sensibilidade" das administracións públicas.

Para a segunda fase, desde o Concello de Begonte xa solicitaron unha subvención á Consellería de Política Social para as obras para mellorar a accesibilidade do inmoble. "Son ata 70.000 euros e agardamos que a concedan", di Ulla, que explica que con estes fondos instalarase un ascensor, que se colocará no interior do edificio, tras reformar a escaleira, agora dobre, que pasará a ser unha simple.

"Na anualidade de 2017 solicitaremos algunha axuda máis para acometer as actuacións de carpintería", adianta o rexedor, que se mostra optimista de poder levar a cabo unha obra que servirá para mellorar o día a día dos traballadores e o acceso de todos os veciños ao consistorio.

Comentarios