O Concello apoia cuns 60.000 euros a once emprendedores locais

Entregou cheques a negocios que se asentaron na localidade para cubrir gastos de aluguer ou de adquisición de material
Beneficiarios del programa As Pontes Emprende
photo_camera Beneficiarios del programa As Pontes Emprende

O Concello das Pontes, a través das concellarías de turismo e industria e de hostalería, comercio e emprego, entregou os cheques das axudas da primeira edición do programa As Pontes Emprende, creado para apoiar economicamente a aqueles empresarios que apostaron, neste último ano, por pór en marcha un negocio e asentarse no municipio.

Este programa pioneiro, cun orzamento duns 60.000 euros, contaba con dúas liñas de axudas. Unha, Impúlsache, dotada cun máximo de 2.000 euros para gastos de aluguer, e outro, Instálache, con ata 1.000 euros, para a adquisición de material, mobiliario ou obras de mellora no local escollido para instalar o novo negocio.

Os edís responsables destes dous departamentos, Juan Carlos Romeu e Ana Pena, foron os encargados de entregar os cheques aos once emprendedores que puxeron en marcha os seus negocios no municipio e que abarcan sectores tan diferentes como a hostalería, a beleza e estética, os alimentos gourmet, o ensino de idiomas ou os estudos sociais.

Os dous concelleiros implicados neste proxecto fixeron fincapé na «valentía» destes emprendedores por optar por un «novo negocio nun momento económico complicado» e puxéronse a disposición dos empresarios para «liquidar calquer tipo de dúbida ou solicitar axuda ante calquera dificultade».

Ademais, comprometéronse a continuar na mesma liña de traballo, ofrecendo de face ao próximo ano outro novo paquete de axudas para apostar polos emprendedores e as pequenas empresas.

BENEFICIARIOS. Nesta ocasión, os beneficiarios foron, no ramo da hostalería, o bar Zodiako, o mesón Mercado Vello, Cotío e bar Soportal. No comercio fixéronse coas axudas as tendas de confección Bistt e O Baúl. No sector do ensino, a academia You Can School fixo o propio e no ámbito da beleza resultaron beneficiados os negocios Estética e SBC Perfumería. Completaron a listado Consultoría Víctor e o negocio NG Gourmet.

Comentarios