O Concello adxudica a obra do centro de día de Ribeira de Piquín por 183.000 euros

Os traballos, tras pechar o plan de seguridade, arrincarán este mes ► A administración local xestionará o servizo, que ofertará 20 prazas

O Concello de Ribeira de Piquín acaba de adxudicar a obra para pór en marcha o novo centro de día no antigo colexio Aníbal Otero á empresa Innova Profesional Desenvolvementos S.L. por unha contía total de 182.950,41 euros máis IVE.

"Asinamos onte –por este martes– o contrato e o obxectivo, despois de pechar o plan de seguridade, que é o que nos falta, é iniciar a obra a última semana deste mes", anuncia o rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, que asegura que prevén ter acabados os traballos de reforma do inmoble antes de finalizar este ano.

O centro de día, que contará cun total de 20 prazas, habilitarase na primeira planta do antigo colexio, no que se reaprovecharán parte das súas instalacións, como a cociña que existía no edificio escolar, que será renovada. O centro de día contará cunha sala de rehabilitación e fisioterapia, unha sala de curas, tamén con servizo de fisioterapia, un comedor e unha gran zona común onde se desenvolverán as actividades, a cociña, baños adaptados e a zona de recepción.

"Aproveitarase para a calefacción a instalación da caldeira de biomasa que puxemos o ano pasado cunha axuda do Inega", explica o rexedor, que indica que a maiores da obra no interior do edificio, cambiarase toda a cuberta do inmoble, remodelarase a fachada e a instalación eléctrica e mellorarase a accesibilidade ao edificio.

"O centro de día é unha obra moi demandada, algo que levan solicitando os veciños moito tempo. É un servizo moi importante para un municipio como Ribeira de Piquín, con moita poboación maior", apunta Fernández Rico.

O obxectivo da administración local é xestionar directamente o centro de día e contratar aos traballadores. "Duplicamos o persoal do SAF dende que entramos no Concello e o noso obxectivo é facer unha repartición máis equitativo de aproveitamento do persoal para atender o centro de día", di o rexedor de Ribeira de Piquín.

A planta superior do antigo colexio, por agora, quedará sen executar, aínda que o Concello realizou un anteproxecto para habilitar doce habitacións de xeriátrico. "Iso é un proxecto a longo prazo e se hai demanda, pero tívose en conta para que, se se quere levar a cabo, non haxa que remodelar despois outra vez o edificio", di Fernández.

Comentarios