O colexio de La Merced de Sarria recibirá o premio Camiño de Santiago de Turismo

O centro será galardoado polo proxecto educativo realizado o pasado curso, que virou ao redor da ruta xacobea e no que participaron todas as clases
Alumnos del colegio, disfrazados de Pelegrín
photo_camera Alumnos del colegio, disfrazados de Pelegrín

POR DIANTE do colexio de La Merced de Sarria discorre o Camiño de Santiago e o centro quixo que o pasado curso académico fose o protagonista do seu proxecto anual. Este traballo valeulle o premio Camiño de Santiago de Turismo de Galicia, que recibirá o vindeiro martes en Compostela.

No proxecto, denominado Caminantes hay Camino, participaron todos os cursos do colexio. A idea naceu ao ser 2017 o Ano Internacional do Turismo Sostible e estar a ruta xacobea "na porta da casa", explicaron desde o centro educativo.

Dentro desta iniciativa levaron a cabo diversas actividades, como o programa Way Watchers (Vixiantes do Camiño). Con este proxecto limparon e recolleron o lixo do itinerario xacobeo, entre a Rúa Maior e A Ponte da Áspera, facendo especial fincapé na contorna do colexio. Tamén deron indicacións aos peregrinos ou lles informaron sobre o convento de La Merced, situado xunto ao centro educativo.

En Nadal todos os alumnos elaboraron un Belén que foi unha reprodución das principais localidades polas que discorre o Camiño e os seus monumentos máis destacados. Pola súa banda, en Entroido luciron disfraces relacionados co itinerario, desde as frechas amarelas ata Pelegrín e as mouteiras.

Outra das actividades incluída no proxecto foi a elaboración dunha pequena guía con monumentos da ruta xacobea de Sarria e a súa contorna. Centráronse en monumentos de trazas románicas ao coincidir que os alumnos se atopaban estudando este estilo artístico en Sociais.

Unha guía de monumentos, a limpeza da ruta e un Belén xacobeo foron algunhas das actividades realizadas no proxecto

Tamén aproveitaron, por exemplo, as tutorías de Primaria para achegar aos nenos as distintas etapas que completan a ruta xacobea. O itinerario serviulles, ademais, para falar inglés co programa Pilgrims (Peregrinos), que xa puxeron en marcha en anteriores cursos académicos. Esta iniciativa consiste en saír ao encontro de peregrinos para practicar o idioma, unha actividade que tamén levan a cabo outros centros da vila.

A forma de vivir máis de cerca esta ruta é percorrela. Por iso, os alumnos completaron algunhas etapas do Camiño e participaron na misa do peregrino, na que puideron gozar do voo do botafumeiro.

Desde o colexio de La Merced mostráronse moi satisfeitos de ser galardoados con este proxecto co premio Camiño de Santiago na categoría de educación, polo que recibirá 5.000 euros. O recoñecemento foi "unha sorpresa" e desde o centro destacaron que "é unha recompensa ó traballo de todos os anos". "Levamos a cabo cada ano un proxecto e non é fácil facelo con todos os alumnos e dous distintos niveis educativos do colexio. É unha recompensa ó traballo e esforzo de toda a comunidade educativa", indicou La Merced, que se prepara para recibir o vindeiro martes, ás 12.00 horas, en Santiago o galardón.

O premio tamén recaeu nas outras categorías no Concello de Melide, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, a empresa Ideas Peregrinas de Tui, a iniciativa Spin Way da Rede Emprendia e unha cátedra dunha universidade polaca.

Comentarios