Dezaseis locais de hostalería ofrecen o Juepeo este xoves

O Centro Histórico de Viveiro, sen candidatura para á actual directiva

Explicarán a situación o 17 de outubro na asemblea ► Suspenderán as súas actividades se non hai acordo ese día
Isabel Méndez, gerente de la Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro
photo_camera Isabel Méndez, gerente de la Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro

A Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro queda sen candidatura para relevar á actual directiva que agora encabeza Horacio Albo. Ao fío das oito da tarde a xerente, Isabel Méndez, confirmaba que "salvo sorpresa de último minuto" ningún asociado ou grupo de socios presentou alternativa. Ao non existir esta, tampouco son necesarios os cinco días de alegacións establecidos no proceso.

A situación abre un período de incerteza na organización comercial vivariense, que ata mediados de outubro proseguirá coa súa actividade habitual. Neste momento ten programado o Juepeo e o concerto solidario do 7 de outubro, pero as seguintes actividades, promocións de novembro e as aperturas dos próximos festivos, así como a campaña do Nadal suspenderíanse en caso de non alcanzarse acordo algún na asemblea que a xerente convocará para o 17 de outubro, martes, ás oito e media da tarde no salón multiusos do consistorio vivariense.

Méndez preguntábase este martes se "realmente teñen necesidade de perder todas as iniciativas" que dinamizaron estes anos a cidade. A xerente pensa que a clientela, e incluso os socios, "están tan afeitos a que haxa iniciativas que só serán conscientes do que supón dita perda cando non haxa actividades. Sería moi triste que non houbese unha alternativa, pero se cadra fai falta un parón para que a xente bote en falta todo o que se fai", subliña Méndez, quen anima a novos socios e a outros que queiran retomalo con novas ideas.

A reunión servirá para explicar en que situación queda o colectivo coa marcha da directiva actual e para analizar as posibilidades. Unha das opcións é que queda a xerente soa, pero é inviable, porque unicamente podería xestionar os gastos fixos ao non ter potestade para aprobar as campañas. A segunda alternativa é que a directiva actual siga tres meses, como máximo, como xestora provisional ou en funcións mentres se forma unha nova que a substitúa.

No caso de que esa tentativa non frague, a xestora cesaría a finais de ano ou principios de xaneiro, e o Centro Histórico debería decidir noutra asemblea sobre o cesamento da súa actividade ao non existir unha candidatura alternativa. Todas as posibilidades están abertas, pero o único seguro é que a decisión da directiva actual de non renovar á fronte do colectivo é firme, porque considera que xa fixo moito traballo nos últimos seis anos.

Comentarios