O cárcere de Bonxe pasou a metade do verán sen médico

As urxencias e consultas foron atendidas por facultativos de Monterroso e Teixeiro

O centro penal de Bonxe permaneceu durante todo o mes de agosto e parte do de xullo sen médico, debido a que o facultativo que atende o servizo estivo de vacacións.

Durante ese período médicos das dúas prisións máis próximas, Monterroso e Teixeiro (A Coruña), desprazáronse á de Outeiro de Rei, co fin de atender calquera eventualidade que puidese xurdir coa saúde dos internos.

A pesar de que a relación de postos de traballo (RPT) do centro penal de Bonxe establece que ten que dispor de catro facultativos, desde principios deste ano só hai un profesional que se encarga de realizar as consultas aos reclusos, aínda que un par de veces á semana adoita recibir o reforzo dun facultativo de Monterroso.

Esta falta de persoal agravouse aínda máis nos meses de xullo e agosto, coincidindo coas vacacións do persoal, nos que houbo días nos que a prisión de Outeiro de Rei, na que están internados máis de 400 reclusos, careceu da presenza física dun facultativo, polo que se ocorría algunha eventualidade debíase esperar a que se desprazase un médico de calquera dos dous centros penais máis próximos.

Sen resposta. Este diario púxose este martes en contacto cos responsables do centro penal de Bonxe, que derivaron a consulta ao gabinete de prensa da Secretaría Xeral de Institucións Penais, en Madrid.

Trasladada a cuestión a este departamento, ao peche desta edición non se recibiu comunicación algunha con relación a esta suposta falta de persoal médico.

Comentarios