O BNG de Melide culpa ao Concello de incumprir en normalización lingüística

O goberno local nega esas acusacións e resalta que foi pioneiro ao aprobar, no ano 2001, unha ordenanza nese ámbito

O BNG de Melide acusa ao Concello de incumprir a ordenanza municipal de normalización lingüística. O gobierno local, que lidera a popular Ánxeles Vázquez, nega que se salte unha normativa que impulsaron de forma pionera os populares no 2001.

O BNG, que lle recoñece ao PP a posta en marcha desa ordenanza, recalca que a actitude dese partido e da alcaldesa "foi mermando considerablemente" durante o último mandato, "chegando este ano a ser un ataque contra a normalización do noso idioma". 

O nacionalista Xosé Igrexas sinala como exemplo que o cartel da feira medieval celebrada en agosto en Melide "ía integramente en castelán", ao igual que outro dunhas obras financiadas pola Xunta. Igrexas ve esa actitude "irresponsable" e di que demandará a convocatoria da comisión especial de cultura, encargada de velar polo cumprimento da ordenanza.

Ante esas acusacións, o Concello resalta que cumpre a ordenanza e subliña que "o galego é a lingua na que se expiden todos os documentos locais". Sinala que "o Concello é tamén vixiante de que así o fagan as empresas que traballan para a administración". O executivo tamén destaca que o de Melide é un dos poucos concellos que ten un normalizador lingüístico.

Comentarios