O bipartito cre que Candia debería desculparse por denunciar as obras da Uned

Mentres os socialistas consideran que a Fiscalía lle deu "un zasca" ao Partido Popular ao arquivar a causa, os populares aseguran que cumpriron a súa obrigación ao presentar a demanda

O portavoz socialista do goberno bipartito da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, sostén que a líder do grupo provincial do PP, Elena Candia, debería "pedir desculpas a todos os lucenses" por "intentar enganalos" coa denuncia que presentou ante a Fiscalía por supostas irregularidades na adxudicación e execución da obra da Uned.

Santos fixo estas declaracións a Efe despois de que a Fiscalía de Lugo tomase a decisión de arquivar a investigación ao non apreciar indicios de delito na denuncia que presentou o Partido Popular cando Elena Candia aínda era presidenta da Deputación Provincial.

Segundo o deputado socialista, este mércores "é un día de satisfacción" para o goberno provincial, porque a Fiscalía lle dá "un zasca en toda a boca" ao Partido Popular polas súas "difamacións e calumnias" ao redor deste proxecto, ao demostrar que as súas "dez acusacións" eran en realidade "dez mentiras", vertidas ademais dun xeito "rastrera e asquerosa".

Ao seu xuízo, no expediente das obras para transformar o antigo hotel Miño na nova sede da Uned está "todo perfecto", polo que Candia tería que "pedir desculpas" e incluso ser desautorizada polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

PARTIDO POPULARO viceportavoz do grupo provincial do PP, Carlos Armesto, afirmou que o seu partido non fixo máis que "cumprir" coa súa "obrigación" ao presentar a denuncia.

De feito, asegurou que os populares están "contentos de pór este asunto en coñecemento da Fiscalía, porque considera que non é un tema menor que "o orzamento da obra incrementouse nun 110%", que exista un informe asinado por un funcionario no que se deixa constancia de que "unha das ofertas" para adxudicar a obra "estaba aberta" ou que os traballos leven "un atraso tan avultado".

En todo caso, a pesar de non apreciar indicios de delito, o viceportavoz popular interpreta que a propia Fiscalía recoñece que nese expediente hai aspectos "francamente mellorables". 

Comentarios