O banqueiro estradense que fuxiu en 2012 con 1,4 millóns vive en Brasil

A Xustiza do país suramericano ordena o seu ingreso en prisión preventiva como paso previo á súa extradición a España

Santiago Pelayo Sanmartín Carbón fuxiu de Galicia en maio de 2012 con máis de 1,4 millóns de euros que se embolsou mediante prácticas fraudulentas na oficina de Caixabank de Vilagarcía na que traballaba. Desde que se marchou nun todoterreo Lexus RX400 da súa Estrada natal, onde deixou muller e dúas fillas, o seu rastro perdeuse. A investigación apuntou cara a Portugal como a súa primeira parada e despois situóuselle en Brasil.

Unha simple procura en Google permite ver que Santiago Pelayo Sanmartín Carbón aparece como socio dunha empresa do estado brasileiro de Goiás. E alí foi onde agora confirma a súa residencia a Xustiza brasileira. "O 13 de março de 2017, nossa Representação Rexional de Goiás confirmou que o procurado é localizável em referido Estado. Além disso, o estrangeiro está rexistrado non Brasil como permanente, com RNE V9278502, tendo declarado endereço no mesmo Estado", lese nun escrito do Tribunal Supremo Federal do país suramericano con data do pasado 16 de agosto.

Este tribunal ordenou entón o ingreso en prisión preventiva do estradense para completar o proceso de extradición solicitado desde España tras o requirimento dun xulgado de Vilagarcía. A corte entende que existe risco de fuga. 

comentarios