O arco iris ondea na Ulloa

Dignificar e dinamizar a vida nas aldeas a través do respecto ás tradicións e á diversidade sexual é o obxectivo que se marcaron os promotores desta asociación ulloana, que se manifesta aberta a recibir nas súas filas "a todos os activistas dispostos a traballar pola recuperación do rural"
Braulio, Gina, Daniel y Davide, miembros del colectivo Agrogay da Ulloa
photo_camera Braulio, Gina, Daniel y Davide, miembros del colectivo Agrogay da Ulloa

"O rural é liberdade". Desde ese manifesto tan básico e á vez tan rotundo nace o colectivo Agrogay da Ulloa, unha asociación que, máis aló de reivindicar o dereito á diversidade sexual, aposta pola dignificación da vida nas aldeas, como exemplo de "equilibrio e sostenibilidade ambiental", segundo destaca o seu presidente, Davide Salvado.

A asociación, composta por un pouco máis dunha decena de membros, ten a súa orixe no Festival Agrogay que, a última fin de semana deste mes chegará á súa terceira edición, e que se consolidou como un multitudinario evento no que se funden música, artesanía e agricultura ecolóxica. "Cada un dos que estamos aquí compartimos un ideario común, pero dende a diversidade e o respecto aos diferentes puntos de vista", asegura Braulio, secretario deste colectivo, desde o que, anuncia, iniciarán en breve unha campaña de captación de socios. "Ante todo somos unha asociación ecoloxista, que defendemos un rural dinámico e de vangarda, polo que admitimos a todas as persoas que persigan estes obxetivos, independentemente da súa orientación sexual", explica.

"No rural non te xuzgan polo que es senón polo que fas", expón Gina, a tesoureira da asociación, quen defende a "transversalidade" que ofrece a vida no campo. "Nas cidades tendemos a relacionarnos en grupos, en guetos, segundo as ideoloxías ou tendencias sexuais de cada un, mentres que non campo a vida faise en comunidade, axudándose e compartindo". "Neste sentido, o rural é vangarda", sentenza.

A asociación está aberta a todos os que, á marxe da súa orientación sexual, busquen a dinamización do rural

Esa aspiración por recuperar a aldea tradicional, co fin de facer visible "as opcións que ofrece o rural para poder levar a cabo unha vida digna" é, en definitiva, o fin desta asociación, que defende que, "dende o respecto ao vello" é posible "recuperar a tradición" e pór en marcha movementos "alternativos", que fagan posible "unha transformación social, sen violencia política".

Para Daniel, outro membro da asociación, este movemento resulta máis factible polo en marcha na Ulloa, por ser unha comarca que sempre se mostrou "moi sensible" co "activismo rural". Braulio é aínda máis contudente e afirma que é un "territorio abonado no que todo este ideario xermola ben".

Os membros do colectivo Agrogay da Ulloa tamén coinciden en destacar a "mentalidade aberta do rural", en contraposición á homofobia, que segundo eles, segue existindo nunha boa parte da sociedade. "Excepto para o capitalismo, que encontrou neste colectivo un novo filón de consumidores, a homofobia está en auxe", afirma Braulio, quen explica que, hoxe en día, ser homosexual aínda supón "ser condeado a pena de morte en sete países, mentres que en máis de corenta supón cadea perpetua".

Davide Salvado asegura que a vida na aldea "faise en comunidade", fronte aos guetos que se forman nas cidades

Os membros do colectivo tamén recordan a represión que desde países como Rusia ou Turquía exércese contra os homosexuais ou o recente atentanto de Orlando, en Estados Unidos, con máis de medio centenar de vítimas entre membros deste colectivo.

Facer visible á sociedade esta discriminación é outro dos obxectivos desta asociación. Por iso, desde a súa sede na Casa do Río, na parroquia palense de Vilar de Doas, tamén planean organizar todo tipo de actividades, "respectuosas e abertas a todo o mundo", co obxectivo de que, a partir de agora, cada novo día na Ulloa amenza cun gran arco iris.


Comentarios