O álbum da memoria dun pobo

‘O Concello pontés trata de manter vivos os recordos, individuais e colectivos, coa creación dun arquivo dixital composto por imaxes cedidas polos veciños. O proxecto xa documentou e dixitalizou máis de medio milleiro de fotos, a gran maioría en branco e negro, de tempos nos que pensar en revelar en cor era unha utopía

Daquela As Pontes’ é o título do álbum da memoria dun pobo e dun proxecto colectivo que impulsa a área de atención, participación cidadá e desenvolvemento local do Concello na procura de combatir o esquecemento, que irremediablemente aparece co paso constante e imparable das agullas do reloxo.

O obxectivo? Poñer en valor a historia local a través da fotografía e ordenar os recordos dos veciños nun gran álbum case familiar, creado por todos, que percorre o tempo dende o ano 1908 ata a actualidade.

A través do proxecto ‘Daquela As Pontes’, que arrancou hai poucos meses, xa se dixitalizaron e documentaron ao redor dunhas 500 fotografías, das que máis de 300 foron publicadas na web daquela.aspontes.org e algunhas no Facebook que leva o mesmo nome.

A través das instantáneas -a maioría en branco e negro- de familia, de festas, celebracións varias, eventos deportivos e musicais ou diferentes traballos no campo e nas primeiras industrias, reflíctese a historia diaria doutros tempos e a transformación da vila nos últimos dous séculos.

O álbum arranca a comezos do século XX con imaxes da Vila -o casco antigo pontés- ou a Praza do Hospital, e percorre as décadas entre imaxes da vida cotiá, parándose tamén en fitos, como a chegada da empresa nacional Calvo Sotelo ás Pontes, ou co recordo de negocios antigos, algúns case esquecidos, como unha antiga fábrica de gasosa.

Teñen un espazo importante reservado as festas, tanto as desaparecidas da Luz, que se celebraban no Poboado das Veigas, con eventos deportivos multitudinarios incluídos, ou a romaría da Fraga, desde cando se organizaban as merendas no lugar da Balsa.

Tamén hai capítulos dedicados ás procesións, á emigración -sobre todo a Cuba pero tamén a Inglaterra-, ás distintas bandas de música que naceron na localidade, ás feiras quincenais, á chegada dos primeiros coches á localidade, ás nevadas ou á inauguración do xa desaparecido Cine Hispania, aberto en 1942 na rúa Alexandre Bóveda.

E en moitas delas repítense os mesmos nomes de fotógrafo: Barcala e Vila, as dúas firmas máis recoñecidas neses anos nos que a cor aínda era unha utopía.

Polo momento, o arquivo estase a crear coas fotografías que achegan dende as asociacións veciñais, pero todo aquel que queira participar pode achegar as súas imaxes na aula Cemit, en horario de 12.00 a 14.00 horas.

Asociacións. O arquivo dixital divídese en varios álbums por asociacións: A Choupana, A Cuíña, Adro de Espiñaredo, As Campeiras, As Painceiras, Asunción do Deveso, As Veigas, Veiga da Areosa, Beira do Eume, Amas de Casa, Viúvas María Magdalena, Encoro da Ribeira, Fervenzas de Somede, Lembranza da Vila, Mulleres Rurais de Pontoibo, O Freixo, O Noso Barrio, Raíces de Goente, San Martiño, San Pedro de Eume, Santa María do Aparral, Vincallo, Virxe do Pino de Saa, Virxe do Rosario da Faeira e 25 de Xullo.

Comentarios