Novas Xeracións desmárcase da liña oficial

Novas Xeracións (NNGG) do Partido Popular discrepa da nova regulación do complemento que abona o Ministerio de Educación aos alumnos beneficiarios do programa de bolsas de mobilidade europea Erasmus, que agora se condiciona a ser antes bolseiro de axudas xerais do Estado.

"Non podemos compartir a decisión tomada polo Ministerio de Educación sobre a achega complementaria do Estado no programa Erasmus, xa que se realizou unha vez empezado o curso, o cal deixa nunha situación de inseguridade por centos de universitarios españois que decidiron cursar unha bolsa Erasmus este ano", segundo un comunicado colgado na web de NNGG.

O Ministerio de Educación estableceu a condición de ser beneficiario dunha bolsa xeral universitaria o curso pasado para poder obter neste o complemento ministerial para Erasmus.

A organización xuvenil do PP recoñece o traballo que desde o Goberno e desde a Unión Europea se fai para que cada vez máis alumnos de educación superior poidan recibir a axuda.

Engade que o groso das partidas provenientes da Unión Europea e das comunidades autónomas "séguese mantendo" e destaca o esforzo orzamentario do Estado.

No entanto, "desde NNGG consideramos necesario -precisa a nota- que para o presente curso se manteñan os complementos do Ministerio e que esta medida non teña efectos retroactivos".

Para rematar, defende a importancia que teñen para moitos estudantes as bolsas Erasmus, "grazas ás cales día a día avanzamos na integración europea, ampliamos a nosa experiencia universitaria e os mozos españois poden coñecer outras culturas e linguas, contribuíndo así á integración de Europa".

Comentarios