Novas definicións

medida que vai pasando o tempo, este tempo tan singular, hai que ir adaptando as definicións de cousas xa sabidas. Así podemos poñer como exemplo as seguintes:

Parado/a: Utilizando a acepción arxentina de parado: estar de pé. Polo tanto, parado é potencialmente todo ser humano que tendo documento identificativo español posúa a capacidade de bipedestación. Os outros -con dificuldades motoras- xa o tiñan antes moi difícil. Na Galiza, temos unha tradición tan longa, tan ampla, que, mesmo cando non había oficialmente parados, xa nós emigrabamos. Miles e centos de miles desde o século XIX. Nós si temos experiencia do que é soportar un aparato produtivo cativo a respeito das necesidades de emprego. Esta nova definición dános pé a pensar que a universalidade do paro pode atinxir a membros non aristocráticos da realeza, a gobernantes incompetentes, a gobernantes pousafoles, aos presuntos corruptos, a banqueiros da mesma natureza…Desexaríamos que grazas ao seu paro mellore o que foi esnaquizado.

Turista: 1. Dise do que realiza actividades de ocio por tempo inferior a un ano, en localidade distinta da súa residencia habitual. 2. Dise do estudante que realiza calquera traballo en calquera sitio por tempos inferiores a un ano, a seis meses ou ao que se poida. 3. Dise do licenciado, graduado ou doctor en viaxe por Europa buscando traballo precario de salario pero cualificado de contido. 4. Dise dos parados que van nutrirse a casa dos familiares que teñen horta e explotación gandeira. 5. Dise, tamén, do parado que vai cara a Suíza, outravolta. Obsérvese que estas acepcións de «turista» son froito da inspiración que as declaracións (e ocorrencias) do ministro Wert nos teñen provocado.

Corrupto: Ninguén e calquera: concretamente no Estado Español é un estado penal ao que pode chegar todo o mundo. Por exemplo, un cidadán, suxeito a unha sanción de tráfico (de aparcamento) notificada nun Boletín Provincial, aparecerá en google, como debedor toda a súa vida, aínda que fose abonada dentro de prazo. Así mesmo, non é reo de xustiza, pero é corrupto todo aquel que foxe -en termos fiscais- e non paga impostos e taxas no Estado Español. Aquí hai varias modalidades dentro dos que poden e o practican: grandes compañías multinacionais e os individuos que as veces non poden nin deben pero practícano asiduamente.

Corruptos tamén son os que fan mal uso ou abusan de posición especial nas decisións do gasto, no pequeno orzamento tamén: vin unha festa parroquial cunha banda -de música- a 18.000 euros a actuación.

E, preguntámonos, terá algo que ver a corrupción co paro?

Si ten, por acción ou por omisión, na Galiza producimos moito menos da nosa capacidade potencial . As políticas económicas seguidas até agora foron responsábeis da caída de actividade ou no seu caso dun crecemento menor do posíbel. Seguimos esperando -sentados- polas chapas que seica cortaban en Ferrol, Montoro dixo. Os galegos e os directamente atinxidos do sector naval non merecen tanta bulra.

Comentarios