A nova liña cosmética da Ulloa chega este luns aos consumidores

O primeiro produto da marca Muuhlloa, unha crema corporal, porase á venda no mercado Rural Tour, que se celebra en Lugo
Marta Álvarez se dirige al público en el acto de presentación de Muuhlloa, en el castillo de Pambre
photo_camera Marta Álvarez se dirige al público en el acto de presentación de Muuhlloa, en el castillo de Pambre

As cinco emprendedoras ulloanas que impulsan a marca de cosmética natural Muuhlloa presentaron este sábado no castelo de Pambre o seu primeiro produto, un leite corporal que sairá á venda este luns e que terá como primeiro escaparate o evento Rural Tour, organizado por Fademur coa colaboración de El Progreso e que se celebra durante a próxima semana no centro comercial lucense As Termas.

As impulsoras de Muuhlloa terán un posto neste particular mercado, que pretende ser un escaparate para os produtos artesanais procedentes do medio rural. A partir dese momento, os cosméticos desta marca poderán adquirirse a través de Granxa Maruxa e Milhulloa, firmas ás que pertencen as cinco emprendedoras que agora se penetran no mundo da cosmética.

O produto que onte presentaron é unha crema corporal co leite de vaca e a milenrama como principais ingredientes. Proximamente, á liña Muuhlloa unirase un xel e unha crema facial. Todos os produtos elaboraranse con materias primas naturais e autóctonas, en busca dunha "cosmética galega desde a raíz", en palabras das súas creadoras.

A presentación da marca Muuhlloa converteuse nunha festa e encheu de xente o patio do castelo de Pambre, en Palas de Rei. As creadoras da marca elixiron este lugar como símbolo da loita dos veciños da Ulloa, que reclamaron durante anos a súa apertura ao público, e para facer un paralelismo co seu esforzo por dignificar o traballo no medio rural e dar a coñecer a calidade e valía dos produtos autóctonos.

A crema corporal de Muuhlloa está composta nun 40% por leite de Granxa Maruxa, producida en Monterroso, e un 10% de oleato de milenrama de Milhulloa, que nace nas terras de Palas de Rei. A auga é do Carballiño, onde está o laboratorio onde se mesturan os ingredientes, e unha alga procedente de Vigo dálle consistencia. "Non pode ser máis galega", di unha das súas produtoras.

Muuhlloa S.L., "sen límite", como lles gusta definirse ás súas impulsoras, ten previsto ampliar as súas liñas de produción. "Queremos crear unha rede galega de cooperación con outros produtores ecolóxicos para facer cosméticos a partir doutros produtos, como por exemplo as algas", explican.

Outra das súas liñas de traballo basearase na sabedoría tradicional. "Temos intención de utilizar plantas autóctonas que as nosas avoas xa empregaban porque tingan propiedades, queremos levar a sabedoría tradicional á cosmética galega", apuntan.

Carmela Valiño é bióloga, Chusa Expósito, farmacéutica; Anxos Orgueira estudou artes gráficas, Marta Álvarez, empresariais, e María Álvarez, dereito. Todas apostaron por vivir na Ulloa e levan anos "sachando e muxindo". Agora uniron a súa experiencia e coñecementos para dignificar o seu traballo. O obxectivo é "transformar a materia prima de calidade que temos para facer produtos novos e aproveitar todo ou seu valor". A idea é boa.

Comentarios