Non se meta en política, igual que Franco

FAGA COMA min, non se meta en política. Este consello atribuído a Franco parece un lema acaído para quen foi rexeitado como segundo adestrador do Celta. Proclama ser apolítico, pero defendeu o recurso ao Exército logo dos atentados de Madrid do 2004. Ou sexa, non somos políticos mentres manden os nosos e senón, conseguímolo coas armas. Impoñemos o noso criterio á forza. Iso non ten outro nome máis ca ditadura, por moito que se camufle detrás do xentilicio español, porque españois tamén son o novo adestrador e a maioría dos anteriores, pero ningún deles se declarou admirador dun militar que participou na Guerra Civil no bando franquista nin do aviador ao que Hitler lle impuxo a súa máis alta condecoración. Seguro que non por demócrata. Español non é sinónimo de facha, aínda que sigan quedando milleiros de salvapatrias como este Salvador Ballesta que así o opinen.

Comentarios