«Gustaríame levar a cabo a adecuación do Camiño dos Arrieiros, tenme fascinada»

Aurora Armental: «Non marcamos diferencias entre o mundo da nova construción e o da rehabilitación»

No verán de 2010, a arquitecta pontesa Aurora Armental asentouse en Santiago de Compostela onde abriu, xunto a Stefano Ciurlo, o estudio Estar. Dende aquela suman varios galardóns internacionais, que lles permitiron deixar a súa pegada na transformación de edificios en distintos recunchos do planeta: Suíza, Portugal, Canadá e mesmo Rusia.
Aurora Armental
photo_camera Aurora Armental

Cal o primeiro proxecto importante no que participou?

Tiven o privilexio de colaborar, nos anos de carreira, con varios estudios: o de Albert Illescas, do que aprendín leccións fundamentais que aplicamos aínda hoxe cada día; con Albert Viaplana, autor do intercambiador de Xoán XXIII en Compostela, e co estudio de Martínez Lapeña-Torres. Con estes últimos estiven traballando case dous anos, entre outros, no proxecto da explanada e pérgola fotovoltaica do Forum Barcelona 2004. Era un proxecto complicado e de moita responsabilidade de cara á cidade, pero no estudio afrontárono dun xeito moi libre, creativo e rigoroso que transformou en virtude as complexidades do lugar. Gardo un excelente recordo desa etapa.

E aquel que lle veña á mente dun xeito especial?

Unha experiencia especial foi a nosa participación no Festival Internacional de Xardíns de Metís, en Canadá. Propuxemos un colector de auga negro que semella flotar nun bosque, reflectindo a súa contorna e falando do paso do tempo, para transformar o contorno nun xardín. Ficamos moi satisfeitos co resultado. A viaxe a Quebec, participar co equipo responsable dos xardíns en Metís e a preparación final da peza, foron experiencias moi interesantes.

Viviu e traballou en Barcelona e Londres. Que balance fai desas experiencias?

Son cidades abertas, vivas, cunha rica e variada oferta cultural e moito movemento no eido da arquitectura. Barcelona é a base da miña educación como arquitecta. En Londres tiven a oportunidade de traballar en estudios cos que me sentía moi implicada. Participei en proxectos delicados con clientes moi interesantes, como a extensión da South London Gallery de 6a Architects ou o H10 Waterloo Hotel de Maccreanor Lavington.

"O traballo na universidade permitiunos afianzar unha liña de traballo que é a que agora levamos á práctica"

Tivo contacto coa docencia nalgún momento da súa carreira?

Si. En Barcelona, na escola de Arquitectura, estiven asistindo a Albert Illescas. En Londres, xunto a Stefano Ciurlo, fun titora en dúas universidades. Isto implicaba organizar e impartir as clases a un grupo de alumnos durante o curso enteiro. Gozamos moito desta fase pero ocupaba gran parte do meu tempo. O traballo na universidade permitiunos afianzar unha liña de traballo propia que é a que agora, con dedicación exclusiva, tentamos levar a práctica desde o noso estudio.

En 2010 asentou o seu estudio Estar, xunto a Stefano Ciurlo, en Santiago e só catro anos despois, gañaron un concurso para transformar un edificio en Xenebra.

Acadar o primeiro premio no concurso do Ancient Manege foi unha oportunidade inmellorable para nós, permitíndonos afrontar a transformación para usos cívicos dunhas cabalerías do século XIX no casco histórico de Xenebra. Este espazo foi sometido a fortes transformacións nos anos 50 para convertelo nun aparcamento. Consideramos que estamos a facer posible entre todos os axentes implicados unha proposta que mantén espazos e elementos das varias épocas do edificio. Así, cunhas mínimas modificacións, vaise acomodar o programa e recuperar para a cidade o edificio, en especial, unha gran sala que rememora a sala de adestramento do antigo picadeiro.

Canadá, Suiza, Portugal, Rusia... A súa pegada está en medio mundo. Valoran máis o seu traballo fóra?

Non o entendo así, creo que é máis o froito da estratexia que nos marcamos como estudio cando decidimos asentarnos en Compostela; tentar aprender e integrarnos na cultura arquitectónica da cidade, pero aproveitando as conexións co exterior para optar a traballos interesantes para nós. Un dos primeiros foi en Allariz, un pequeno xardín que chamamos «das Pías». E en Compostela temos a encarga do proxecto de urbanización das Casas do Rego, unha das últimas curtidorías en pechar, no contorno do río Sarela. Un proxecto moi interesante para nós que combina os eidos do urbanismo, do patrimonio e da paisaxe urbana.

"Acadar o premio no Ancient Manege foi unha oportunidade inmellorable para nós"

A súa visión do deseño está máis orientada á rehabilitación ou á nova construción?

Non nos gusta marcar diferencias entre ese dous mundos. Entendemos que calquera modificación que se lle fai a un territorio ten que traballar con este. Do mesmo xeito que cando un ten o encargo de rehabilitar un ben patrimonial estuda con precisión analizando todos os materiais, formas construtivas e composicións espaciais existentes, o seu impacto na contorna... Cando propoñemos unha construción de nova planta ou unha intervención na paisaxe facemos eses mesmos estudos e reflexións. Tal vez, esta forma de entender a arquitectura vén por un lado da traxectoria de Stefano, cun interese especial polas técnicas de construción e compositivas da arquitectura antiga e vernácula e da miña, cun interese especial pola paisaxe.

Cal é o último proxecto no que está a traballar?

A principio de ano gañamos o concurso para a musealización dos restos arqueolóxicos e o espazo público do Bastión de Saint-Antoine, no casco histórico de Xenebra. Nestes momentos a nosa máxima preocupación e tempo está dedicado a levar a bo porto estes dous proxectos tan delicados.

Comentarios