Nietzsche nas noticias

HAI OCASIÓNS en que un pode facer un artigo ata filosófico, literalmente, ou, polo menos, cultureta: citar a Nietzsche, Eliade, Borges ou, xa postos (grazas, Wikipedia), Poincaré. Son eses momentos en que parece que volves ao mesmo, que as cousas se repiten, que hai unha especie de eterno retorno (o concepto que une os catro apelidos anteriores), que o que ocorre xa o viches ou vivido (ou lido ou contado) antes. Pénsoo á vista de que estes nove días de marzo están cheos de asuntos antigos que un xa esquecera e que, de súbito, volven ao primeiro plano.

Por suposto, o primeiro asunto é este mesmo sábado no que escribo, ese Día Internacional da Muller ao que, grazas a deus, hai anos que lle quitaron o adxectivo de traballadora': ‘coma se houbese algunha que non o fose. A sensación de déja ‘vu' chégache cando ves que pasan os anos pero non pasan as diferenzas salariais. é máis: algún informe recente vén confirmar que a Crise incluso se vai a levar por diante conceptos como a igualdade. Parece coma se feminizar os órganos de dirección das empresas fose tan prescindible (ergo, censurable) como a suposta ‘festa do investimento público' que vivimos en España.

Esa festa ‘do investimento' era prima irmá da ‘burbulla da construción', que esta semana nola fixo recordar o fallo que anula a suspensión urbanística de Barreiros. O tribunal queda na forma e non entra no fondo do asunto, pero, aínda así, os populares sentíronse apoiados para seguir construíndo neste municipio... non se sabe nin para quen nin con que diñeiro.

A corrupción non volve, porque non se foi, pero si están a xurdir numerosos quixotes dispostos a rexenerar' ‘a política. Sobre Lugo sobrevoou a sombra do retorno dun exalcalde, Vicente Quiroga, aínda que el negouno de plano. O que si deu o paso, e recoñeceuno, é Xohan Rompe. Tamén volveu estes días o que, por agora, é dos poucos políticos (¡tanto ruído e tan poucas noces!) que estivo no cárcere por unha condena firme: Jesús Pereira. O promotor de Independentes de Lemos rexorde para, nada menos, facer o labor de vixilancia que tiña que asumir a Dirección Xeral de Patrimonio.

Volve ata a crise de Sargadelos, que quedara un pouco aparcada. A situación é máis que crítica e as alarmas volveron a saltar. Neste caso, ademais, está a apelarse a valores inmateriais (patrios, dirían outros), pois non se pode esquecer o carácter emblemático desta empresa, tanto para Galicia como para A Mariña en especial. Pero en cuestións emblemáticas, ultimamente veñen mal dadas, porque, por se non fose suficiente a Crise, ata a meteoroloxía pon o seu granito de area (neste caso, de vento e auga) para cargarse emblemas como todo un faro, o de Burela.

Pero non todos os retornos son negativos. Así, volveu a haber novidades, como cada mes, sobre o paro, e esta vez as cifras son positivas: ao final vai ser certo que estamos a saír da Crise, aínda que a sensación na rúa non sexa esa. Pero, postos a volver, ata o fixo o sol, posiblemente o retorno máis esperado. Cando o mal tempo primaveral ocúlteo de novo, volveremos desexar o seu eterno retorno.

POSDATA. Dá gusto ver que, cando fai falta, Xunta e Deputación de Lugo son capaces de porse de acordo en algo... aínda que sexa en pagar con atraso os grupos de urxencia supramunicipais.

Os aeroportos quedan lonxe, pero o debate hai que seguilo de cerca

A Crise obrigou a adelgazar as políticas aeroportuarias. En Lugo ese é un debate que miramos de lonxe aínda que deberiamos seguilo de cerca. A última proposta feita pola Xunta é que os voos internacionais sexan para Lavacolla e os de negocios ou empresa, para Alvedro e Peinador. O de Santiago é un aeroporto céntrico (en relación aos outros dous), pero outro galo cantounos en Lugo se, por exemplo, a Xunta preferise apostar por Peinador. O máis divertido é que no debate, onde cada cidade arrimou a ascua á súa sardiña, ata saíron alcaldes (o de Santiago) pondo As Catedrais por diante das Cíes.

é unha mostra máis da enxunlla que ten algún debate.

Comentarios