NGB asegura que abonou o importe íntegro das súas participacións ao 32% dos pontevedreses afectados acollidos á arbitraxe

Novagalicia Banco abonou ata a data o importe íntegro investido en produtos híbridos (participacións preferentes e obrigacións subordinadas) ao 32 por cento dos clientes que reclamaron pola vía das arbitraxes de consumo na provincia de Pontevedra.

Os laudos contrarios ao banco e favorables aos clientes de Novagalicia suman 107 millóns de euros, xa abonados polo banco.

A reclamación media por familia é de 21.458 euros e unha vez que Novagalicia acepta a arbitraxe e dítase o laudo en contra da entidade, o cliente recupera o 100% do diñeiro investido, máis os intereses correspondentes a un depósito, menos os intereses cobrados en concepto dun investimento nun híbrido de capital.

Por medio dun comunicado, a entidade informa de que o presidente de NCG Banco, José María Castellano, trasladou hoxe estas cifras ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a 12 alcaldes da provincia pontevedresa con forte implantación de Novagalicia e elevada taxa de comercialización de preferentes e subordinadas. Ademais de Louzán, á reunión con Castellano asistiron os alcaldes de Redondela, Ponteareas, Tomiño, Tui, Sanxenxo, O Grove, Illa de Arousa, Meaño, O Rosal, Gondomar, A Guarda e Salvaterra de Miño.

Na provincia de Pontevedra hai 25.095 clientes (un 4% dos clientes do banco na provincia) con produtos híbridos de Novagalicia Banco, dos que 15.640 clientes solicitaron arbitraxe e 9.455 clientes (38%) non presentaron ningún tipo de reclamación.

Por outra banda, Novagalicia valora o acordo alcanzado hoxe entre o PP e o PSOE no Congreso dos Deputados para constituír unha comisión que facilite a selección e ditames de arbitraxes. O acordo, moi similar ao procedemento arbitral iniciado en agosto por Novagalicia Banco, establece os criterios persoais de patrimonio, renda, saúde e perfil financeiro dos clientes para priorizar as arbitraxes de preferentes e subordinadas que permitan a recuperación do 100% do diñeiro investido no caso de mala comercialización.

Nestes seis meses, a entidade financeira galega xa suma 12.495 casos nos que, por criterios semellantes aos acordados hoxe polas autoridades españolas, aceptou someterse a arbitraxe, priorizando aqueles con claros erros na comercialización. Así, un total de 11.641 clientes de Novagalicia Banco con participacións preferentes e obrigacións subordinadas obtiveron nos últimos seis meses o abono do produto adquirido en anos anteriores, debido a laudos arbitrais favorables aos clientes por un importe de 222 millóns de euros.

Outras 854 familias dispoñen de aceptación do banco para someterse a arbitraxe de consumo, aínda que o seu caso aínda está pendente de celebración da vista ou de notificación do laudo correspondente. Calquera cliente que, a criterio do banco, non reunise os requisitos para serlle aceptado unha arbitraxe de consumo, manterá aberta a posibilidade de reclamación xudicial sempre que considere que os seus dereitos sexan conculcados por unha suposta mala comercialización.

Novagalicia Banco destaca que foi a primeira entidade financeira en abrir esta vía extraxudicial aos clientes titulares de participacións preferentes e obrigacións subordinadas, totalmente gratuíta e rápida para os reclamantes.

Comentarios