Neymar e Cavani, a piques de chegar ás mans no vestiario do PSG

A disputa que mantiveron no campo polo lanzamento dun penalti seguiu portas dentro

A disputa que mantiveron o pasado domingo Neymar e Cavani polo lanzamento dun penalti continuou tras o partido nos vestiarios, onde subiu de ton ata que algúns dos seus compañeiros tiveron que intervir para evitar que chegasen ás mans, revelou este martes o diario L'Équipe. Despois de que o dianteiro uruguaio do París Saint-Germain (PSG) errase o penalti que tirou no minuto 79 do encontro contra o Lyon, dirixiuse aos vestiarios ao acabar o partido sen ir saudar aos afeccionados cos seus compañeiros.

Dentro, cando chegou Neymar, Cavani increpouno en español por tratar de arrebatarlle o balón no penalti, ao que o exdianteiro do Barcelona replicou en ton "pouco amable", segundo testemuñas. Os tamén brasileiros Thiago Silva e Marquinhos tiveron que interporse entre os dous para pór fin á discusión, segundo L'Équipe, nun ambiente de gran tensión.

Tras ducharse, Cavani marchou rapidamente do Parque dos Príncipes, cando adoita ser dos últimos en facelo, mentres que Neymar fixo o mesmo minutos despois coa gorra moi axustada na cabeza, de forma que era imposible ver a súa cara. Os problemas albiscáronse xa no minuto 57 do partido (que os parisienses gañaron por 2-0), cando Cavani tratou de lanzar unha falta directa pero o brasileiro Dani Alves impediullo agarrando o balón antes.

Alves, íntimo amigo de Neymar, cedeu ao brasileiro o tiro, aínda que posteriormente explicou que a súa intención inicial era lanzar el mesmo o golpe franco. Minutos máis tarde produciuse a escena do penalti, que todos puideron apreciar. Unha disputa similar xa se produciu entre ambos os futbolistas o pasado 25 de agosto ante o Saint Etienne.

Cavani estivo especialmente desabastecido de balóns o pasado domingo -só o tocou 21 veces en todo o partido- e, segundo L'Équipe, parece molesto co rol asumido por Neymar e os outros catro brasileiros do equipo, que ao seu xuízo buscan favorecer que o seu compatriota alcance o Balón de Ouro.

Xunto a eses temores á posible formación dun "clan brasileiro", o diario deportivo apunta a outra posible causa do enfado de Cavani: o uruguaio, autor de 49 goles a tempada pasada, ten unha prima de preto dun millón de euros se consegue ser o máximo goleador da Liga 1. L'Équipe pregúntase se o propio Neymar non terá unha cláusula similar no seu contrato, que poida alimentar o seu desexo de lanzar os penaltis.

Cavani é respectado no vestiario parisiense polo seu interese no fútbol e a súa pouca devoción polos focos mediáticos, aínda que tamén se destaca o seu carácter máis ben solitario e introvertido.

Polo momento, o adestrador do PSG, o español Unai Emery, evitou atizar a polémica, e tras o partido do Lyon deu explicacións á prensa sobre quen está chamado a lanzar os penaltis. "Creo que os dous son capaces de porse de acordo intelixentemente no terreo de xogo. Despois, desde dentro, imos equilibrar as quendas de lanzamento, porque creo que os dous son capaces e quero que se alternen", sinalou.

A polémica xurdiu cando a traxectoria polo momento do PSG é impecable, cun pleno de vitorias nos seis partidos da liga e no choque de Liga de Campións ante o Celtic Glasgow.

Comentarios