Neira 'Medrao': ''Temos 1.000 kilos preparados da nosa tenreira esperando que a xente veña''

Láncara rende tributo á súa tenreira un ano máis, e con este xa van dezaseis, no marco da súa Feira de Degustación da Tenreira Galega. Exposicións, concursos, baile e, sobre todo, moita comida a prezos populares definen o carácter da cita. Con estas premisas, os veciños desta localidade invitan o día 1 de maio a todo o que se queira achegar a unha degustación no campo da festa da parroquia de San Xiao, nunha xornada na que a feira abrirá as súas portas ás dez da mañá.

José Manuel Neira 'Medrao', o concelleiro de Feiras e Mercados de Láncara, é un dos encargados da organización do evento, que xa ultima os preparativos para esta edición.

P ¿Por que tenreira galega?
R
Láncara é o territorio galego que máis gando ten e ademais é pioneiro nesta acitvidade. Con esta festa perséguese como obxectivo principal promocionar algo que para nós é de suma importancia, algo propio da nosa comarca e un sector no que estamos á cabeza.

P ¿Cal é o programa para o día?
R
A partir das dez de mañá acércanse os primeiros visitantes e irán chegando as autoridades convidadas. Na edición de este ano, contamos coa presenza do Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Lugo, José Ramón Losada, como pregoeiro. Máis ou menos as dúas e cuarto, comeza a degustación e pola tarde teñen lugar os concursos de gando e o cabalar. Pola noite, daranse os premios e actuará unha orquestra.

P ¿Cantos exemplares forman parte do concurso de gando?
R
Participan unhas 18 explotacións. A cada un dos seus donos dámoslle vintecinco euros, con independencia de que despois resulte gañador. Tamén hai un concurso para cabalos. Os interesados deben anotarse no mesmo día do concurso e, despois, serán os técnicos os que decidan o gañador, tendo en conta se son de pura raza, a xenética...

P ¿Que curiosidades se poderán atopar na exhibición de produtos artesáns ou na de maquinaria agrícola?
R
Doutros anos eu recordo varias: un artesán de Monforte que facía elaboracións co barro, un ferreiro de Abadín que facía navallas ou os traballos de cesteiro e, en especial, un canteiro de Guitiriz. Ademais, organizamos uns obradoiros para rapaces, que poden aprender moitas cousas dos oficios. Adoitan participar máis de cen nenos. Na pasada edición, no eido da artesanía participaron 60 postos. Este ano, de momento, xa hai cincuenta confirmados.

P ¿Que resposta adoitan ter por parte do público?
R
Cada ano aumenta a cifra de asistencia. O ano pasado, xuntámonos ao redor de 3.000 persoas que foron chegando ao longo do día. O certo é que o campo se nos fai pequeno, supoño que porque é barato, por doce euros os asistentes poden tomar tenreira ao caldeiro ou á grella, pan, viño e postre. Na útima edición incluso tiven a oportunidade de falar con xente que veu de fóra. Un asturiano dixóme que como en Lugo, non se come en ningún sitio.

P ¿Cales son as previsións para esta edición?
R
Hai que recoñecer que o bo tempo anima moito a cita. Nos últimos dez anos, tivemos sorte e non choveu. Nós, temos 1.000 kilos da nosa tenreira esperando que a xente veña, porque agardamos que este ano se repita o éxito dos pasados. Estamos moi contentos e o certo é que todo é o resultado de moito traballo, de que cada un foi poñendo o seu graniño de area.

Comentarios