A nai do preso de Bonxe falecido recorre a sentenza ante o Supremo

Asegura que esgotará todas as vías legais para demostrar que o director médico do centro se negou a atender ao interno. A Audiencia Nacional aínda non fallou sobre a indemnización aos fillos

A nai do preso de Bonxe que faleceu durante un permiso penal a consecuencia dunha pancreatitis recorreu a sentenza da Audiencia Nacional -que lle negaba unha indemnización- e levou o caso ao Tribunal Supremo. A muller asegura que esgotará todas as vías legais posibles para demostrar que o xefe dos servizos médicos do centro se negou a atender ao seu fillo e que esa neglixencia desencadeou o falecemento do home, de 33 anos.

A Audiencia Nacional desestimou o recurso presentado contra unha reclamación do Ministerio de Interior, que negaba a súa responsabilidade patrimonial na morte do preso e rexeitaba a reclamación da familia. Aínda que o fallo explica nos fundamentos de dereito que as reclamacións foron efectuadas pola nai do falecido, dous fillos e unha irmá, a proxenitora explica que se seguen procesos diferentes e que a Audiencia Nacional aínda non ditou sentenza sobre a indemnización que reclaman os fillos.

Sobre a reclamación da nai, o tribunal concluíu que "non existe proba suficiente de que a asistencia ao interno polos servizos do centro penal sexan a causa do falecemento ou contribúa ao mesmo". A muller di que non se renderá e que non quere diñeiro, polo que se gaña a indemnización irá a Aliade, para que axude aos presos que non teñen quen lles defenda.

A muller di que non quere diñeiro e que se gana, a indemnización destinaraa á asociación Aliade, para que axude aos presos

Na súa reclamación, a familia baséase nun auto de Pilar de Lara, con data de 2 de xaneiro de 2014, no que a xuíza chegaba á conclusión de que existían "indicios racionais" para concluír que o interno falecera porque o entón xefe dos servizos médicos do centro "negouse" a prestarlle asistencia sanitaria, polo que cometería os delitos de omisión do deber de socorro, homicidio por imprudencia grave e falsidade en documento público.

O médico faleceu en agosto de 2013 e a responsabilidade criminal quedou extinguida, pero a familia levou ao caso á vía civil, apoiándose no auto de De Lara.

A Audiencia Nacional considerou con todo que non hai probas para concluír que o doutor cometeu os citados delitos e ten en conta as declaracións dos traballadores do centro. Segundo se recolle no fallo, o home tiña "problemas de inxesta brutal de líquidos" e non seguía a dieta que lle marcaban. Así, cando o 22 de xullo de 2013, o médico de Bonxe lle diagnosticou unha gastroenterite e lle recetou soro oral, "segundo os síntomas e a súa historia clínica, tiña sentido". O interno saíu de permiso penal o día 27, foi a Urxencias, e o 3 de agosto faleceu a consecuencia dunha pancreatitis.

Institucións Penais alegou que o home pasou cinco días en Medicina Interna e pasaron tres días ata que lle detectaron indicios dunha pancreatitis, "que é moi difícil de diagnosticar e que pode confundirse, sobre todo na súa fase inicial, cunha gastroenterite". Segundo recoñecen, o facultativo, ao ver que o home non melloraba do 21 ao 27 "debería dubidar e solicitar novas probas ou envialo a Urxencias", pero cre que "todo o que tivera conseguido sería anticipar unhas poucas horas a súa chegada ao hospital".

Comentarios