Músicos de prestixio atraerán visitantes á vila ata abril

Monteavaro, Álvarez e Irigoyen, ayer en el consistorio (Foto: I.G.)
photo_camera Monteavaro, Álvarez e Irigoyen, ayer en el consistorio (Foto: I.G.)

«A cultura ten que ser un motor económico para a nosa vila». Así o expresou onte a concelleira responsable deste ámbito no Concello ribadense, a nacionalista Mariluz Álvarez Lastra, ao presentar o programa Músicas Posíbeis, que permitirá traer á localidade cada sábado, ata mediados de abril, a músicos de prestixio tanto do jazz, como do flamenco e o folk. Os hostaleiros súmanse á iniciativa, aplicando descontos do 10% a quen acudan aos concertos, xa que confían en que estes atraerán «a numeroso público de Asturias, Galicia e Cantabria».

O Concello tivo que «agudizar ó enxeño», como sinalou Lastra, para financiar unha iniciativa tan ambiciosa con escasos fondos e puido facelo grazas á colaboración dun promotor de espectáculos oriúndo de Castropol, Rafael Monteavaro, que organiza as xiras dalgún destes músicos.

Oportunidade

«Estar neste eido facilita traer a xente que enche aforamentos e cuxos concertos custan ó redor de 20 euros», sinalou o promotor, quen ofreceu aos artistas «outros alicientes para vires a Ribadeo, como por exemplo, a estancia, ademais de aproveitar o percorrido xeográfico da xira que estean a facer». Na súa opinión, «só facía falla que alguén se arriscara a facelo».

Monteavaro propúxose traer á vila a músicos de distintos xéneros, para dotar de variedade a oferta cultural do Concello deste primeiro trimestre do ano. «O programa resultante demostra unha completa visión de conxunto da música que se está facendo agora», engade.

Programa

Os concertos serán todos os sábados, ás 21 horas, no auditorio Hernán Naval e comezarán o próximo día 18 coa actuación do cantautor Javier Krahe, que acode por primeira á vila, aínda que fai un lustro actuou tamén en Viveiro. «O seu lanzamento definitivo veu co disco gravado desde o escenario do café A Mandrágora, xunto a Joaquín Sabina e Alberto Pérez», como destaca Monteavaro.

O 10 de marzo, actuará a banda de Joan Chamorro e a cantante revelación do jazz, a barcelonesa de 17 anos Andrea Motis, mentres que o 24 do mesmo mes, a quenda será para a cantante Maddi Oihenart e o seu grupo, aceno de identidade da música folk do País Vasco francés. «Moitos a coñecen por poñer voz á campaña turística vasca ‘Ven a coñecernos'», sinala o promotor.

Para rematar, o dúo de Celia Mur e de Nono García, guitarrista que tocou xunto a Paco de Lucía e a Carlos Cano, recala na vila o 14 de abril para ofrecer unha mestura de jazz e de copla.

Na web da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos colgarase a lista duns 30 restaurantes e hoteis que aplicarán un 10% de desconto a quen presenten as entradas. A xerente de Acisa, Beatriz Irigoyen, confía en que o público que veña o sábado noite, quede todo o fin de semana na localidade.

Comentarios