Multan o Barça con 110.000 euros por exhibición de bengalas e atraso na saída ao campo

A Comisión de Control e Disciplina da UEFA multou con 110.00 euros ao Barcelona por exhibición de bengalas dos seus afeccionados durante a Supercopa de Europa, así como porque os seus futbolistas saíron dous minutos máis tarde do previsto ao terreo de xogo tras o descanso.

Unha parte da multa débese a que un grupo de seguidores dos 'Boixos Nois', instalados no gol norte do estadio Luís II de Mónaco, saudaron a saída do seu equipo con bengalas, o cal foi reflectido na acta arbitral.

Un portavoz do club barcelonista informou de que na notificación da multa recibida tamén se inclúe o atraso de dous minutos que os xogadores do Barça protagonizaron á saída do terreo de xogo no segundo tempo.

O club catalán, que descoñece o desglose da contía dos dous conceptos polos cales foi multado, dispón de dez días para recorrer ante o comité de Apelación da UEFA.

A final da Supercopa de Europa disputouna o pasado agosto o Barcelona fronte ao Porto portugués e o equipo de Pep Guardiola conquistou o título tras gañar por 2-0 con goles de Leo Messi e Cesc Fàbregas.

Comentarios