La Liga multa ao RC Celta por baixa asistencia ao estadio de Balaídos

O club baixou os prezos para o partido ante o Xetafe para cubrir o mínimo do 70% de aforamento en Tribuna Alta e Baixa que esixe La Liga

O Celta de Vigo decidiu baixar o prezo das entradas para o encontro que o vindeiro xoves enfrontará ao equipo que dirixe Juan Carlos Unzué co Xetafe en Balaídos, as cales oscilarán entre os 15 euros que custa un asento nas bancadas de Marcador e Gol e os 40 en Tribuna Alta. 

Son prezos inferiores aos marcados polo consello de administración que preside Carlos Mouriño para o anterior partido como local contra o Deportivo Alavés, no que Balaídos non alcanzou os 18.000 espectadores.

Este é precisamente o motivo. E é que segundo informa Marca este martes, La Liga de Fútbol Profesional comunicoulle ao Celta que nas capturas de imaxe correspondentes aos dous primeiros partidos en Balaídos non se cubriu o mínimo do 70% do aforamento nas bancadas de Tribuna Alta e Baixa. Esta é unha esixencia de La liga desde hai unha tempada, pola que debe situar espectadores na parte da bancada que capta a cámara principal da retransmisión televisiva. 

Comentarios