Morre o danés Simonsen tras sufrir un accidente ao comezo da carreira

O piloto danés Allan Simonsen morreu hoxe como consecuencia das lesións que sufriu nun forte accidente ante de cumprirse os dez primeiros minutos das 24 Horas de Le Mans, de automobilismo, informaron os organizadores.

Na terceira volta ao circuíto da Sarthe o Aston Martin número 95, favorito da clase GTE Am, que pilotaba Allan Simonsen ao volante, saíuse da pista e impactou con violencia contra as barreiras de protección en 'Tertre Rouge', o que obrigou á intervención do coche de seguridade. O coche quedou cruzado no medio da pista.

O piloto danés foi atendido inmediatamente na pista e posteriormente evacuado en ambulancia. Máis tarde, tres horas despois do accidente, os organizadores comunicaron o seu falecemento.

Allan Simonsen tiña 34 anos e a deste ano era a súa sétima participación nas 24 Horas de Le Mans, na que foi duodécimo na edición de 2010 cun Ferrari.

Este ano compartía a pilotaxe dun Aston Martin Vantage V8 cos seus compatriotas Christoffer Nygaard e Kristian Poulsen.

Así foi o accidente que acabou coa vida do piloto:

Comentarios