Mourinho: "Merecemos mellor resultado"

José Mourinho
photo_camera José Mourinho

O adestrador do Manchester United, Jose Mourinho, manifestou despois de gañar en Balaídos 0-1 ante o Celta de Vigo no partido de ida da semifinal da liga Europa que volve a Inglaterra "coa sensación de que a eliminatoria está cincuenta-cincuenta".

"Merecemos mellor resultado. Estou contento cos meus xogadores pero o resultado é curto. Marcho coa sensación de que o 1-0 deixa a eliminatoria aberta", comentou o técnico portugués, que engadiu que o Celta "merece respecto pola súa traxectoria na liga Europa".

Recordou Jose Mourinho que a vantaxe dun gol para Old Trafford é escasa. "Teño demasiada experiencia para pensar que vai ser fácil o partido de volta. O Celta tivo bos resultados en Europa fóra de casa", comentou o adestrador: "É mérito noso que o Celta non xogue tan ben como o fai habitualmente. Nós xogamos ben".

O adestrador portugués non quixo contestar unha pregunta na que un xornalista relacionou a suplencia do porteiro español David De Gea cunha posible marcha do Manchester no verán e insistiu en que o seu equipo tivo "o control" e tres "boas paradas" de Sergio Álvarez evitaron un "mellor" resultado para os seus.

Comentarios