Mostovoi: "Gustaríame ver a Mourinho no Aston Vila con 30 millóns"

O ex xogador ruso admite que lle gustan Isco, Silva, Asensio e Aspas porque poden cambiar a sorte dun partido
Alexander Mostovoi
photo_camera Alexander Mostovoi

O ruso Alexander Mostovói, antiga estrela do Celta de Vigo e da selección do seu país, recorda que lle bastou un cuarto de hora para saber que Isco sería unha estrela do fútbol. "Xogaba o Málaga contra o Zenit. Eu estaba no estadio. Pasaron quince minutos e xa lle dixen aos meus amigos: ese é boísimo. Eu ficharíao agora mesmo", sinalou este luns a Efe, en véspera do partido amigable entre Rusia e España.

O tsar, como era coñecido en Vigo, recorda que ese partido disputado en 2012 gañouno o Málaga por 3-0 con dous goles de Isco e "un par de anos despois" o futbolista malagueño xa fora fichado polo Real Madrid. "Encántame Isco", asegurou Mostovói, actual comentarista da televisión rusa.

Pero non só lle gusta Isco, senón tamén outros españois como David Silva, Asensio e o dianteiro celtista Iago Aspas, é dicir, os xogadores que poden cambiar a sorte dun partido. "Vin os últimos partidos de España. é unha das favoritas a gañar o Mundial. Deume moita pena o que pasou en Brasil. Viuse que os futbolistas españois se cansaron de gañar. Lograran tantos títulos que xa lles daba todo igual", apunta.

Con respecto ao partido amigable que se xogará no estadio Krestovski de San Petersburgo, cre que os españois non teñen que probar nin demostrar nada. "España leva un ano e medio gañando sen parar. Saben como xogar. Non necesitan facer moitas probas. O único é que mañá xogarán no país onde se disputará o Mundial e que pode ser que salgan algúns xogadores pouco habituais", indica.

OS ADESTRADORES. Mostovói cre que o actual seleccionador español, Julen Lopetegui, "fixo o seu traballo" á hora de renovar ao equipo que herdou de Vicente del Bosque. "Tampouco fixo grandes cousas. Cambiou algúns xogadores e trouxo algúns futbolistas novos", subliña.

O ruso cre que o papel dos adestradores está moi sobrevalorado no fútbol de hoxe, xa que considera que "os importantes son os xogadores, que son os que saltan ao campo". "O adestrador é importante fóra do campo. É o encargado de crear un bo ambiente. Cando eu xogaba, por moito que me falase o técnico, eu facía o que me parecía correcto. Se podía facelo bonito, facíao", sinala.

Móstrase convencido de que adestradores-estrela como José Mourinho benefícianse de que os clubs nos que traballan "gástanse 300 millóns en fichaxes e compran aos mellores futbolistas" do planeta. "Xa me gustaría ver a Mourinho no Aston Vila cun orzamento de 30 millóns. A excepción foi o Leicester con Ranieri", apuntou.

Aínda que está contento do seu labor como comentarista, preferiría traballar nalgún club para transmitir aos mozos o que aprendeu durante a súa carreira, na que xogou en España, Francia e Portugal. "O fútbol ruso é raro, raro. Para que te contraten nun club non fai falta xogar durante 25 anos. Hai que ter contactos e amigos", lamenta.

Iso si, está convencido de que o Mundial será un gran éxito, xa que destaca que os rusos cando se propoñen facer algo se gastan moito diñeiro e fano ben". "Hai unha gran ilusión de facer un bo papel. En canto á infraestrutura e os estadios, parece que todo vai perfecto. En Sochi gastáronse moito diñeiro e organizaron os mellores Xogos Olímpicos de Inverno", afirma.

SOBRE O CELTA. Mentres, segue en contacto co Celta, onde aínda conserva bos amigos, como Atilano, membro da organigrama do club galego. "Nótase que xoguei ben e durante moitos anos no Celta. É bonito que te recorden con agarimo. Iso é o realmente importante", di.

E recoñece que o equipo galego "non é tan forte" como nos seus tempos cando el, o seu compatriota Karpin e futbolistas como Cáceres, Silviño, Mazinho, Revivo, Makelele ou Dutruel deixaron un sinal indeleble na historia do club vigués.

Comentarios