Monforte únese para bailar

Os monfortinos protagonizan un vídeo que mestura música e imaxes da cidade do Cabe co fin de promocionala
Alumnos de Monforte xogan nunha das tomas do lipdub.
photo_camera Alumnos de Monforte xogan nunha das tomas do lipdub.

MONFORTE. Nos últimos días algúns dos espazos máis representativos da cidade do Cabe estiveron ocupados por rapaces que bailaban mentres un grupo de adultos rexistraba eses intres cunha cámara. O Parque dos Condes e os Escolapios foron algúns deses espazos nos que se concentrou a actividade. A idea partiu de Amanita Films, unha productora local que quixo encher as rúas de música e alegría para elaborar un ‘lipdub’ -que vén sendo unha coreografía no exterior e con moitos participantes- sobre Monforte e as súas xentes.

«A idea é facer un vídeo promocional da vila, pero no que a poboación se involucre», apuntou Iván Patiño, de Amanita Films.

A película, que axiña será estreada, é monfortina ao cen por cen. Os protagonistas activos son os integrantes de varios colexios e asociacións deportivas de Monforte e os personaxes pasivos que tamén amosarán as imaxes son as xentes das rúas da cidade do Cabe na súa vida cotiá.

Os espazos máis representativos de Monforte estarán tamén rexistrados nesta peza audiovisual, que conta con imaxes aéreas da cidade para amosar outra perspectiva á que os viandantes non están acostumados. Os encargados de crear esta historia visual e sonora que ten a Monforte coma protagonista principal son tamén monfortinos e, por suposto, a peza que porá banda sonora ao espectáculo é interpretada polo grupo Violet Magic Cloud, que tamén é da casa.

Sobre a estrutura do vídeo, Patiño adiantou que a intención é alternar secuencias de baile con imaxes da cidade coa fin de amosar o máximo posible de Monforte.

Localizacións coma a Praza da Compañía e o Parque dos Condes foron esenciais pola súa amplitude e vistosidade en varias secuencias que se amosarán no vídeo.

A día de hoxe, o proceso de gravación rematou e os profesionais atópanse inmersos na selección do material a incluir nesta singular película. «Esperamos ter todo listo nunhas catro semanas máis ou menos e polo momento estimamos que o ‘lipdub’ terá unha duración duns cinco minutos», apuntou Patiño. Engadiu que «se presentará en Monforte e a todo o público, ademais de aos participantes», afirmou.

A idea de levar a cabo este proxecto xurdiu do Concello monfortino, tal e como apuntou Patiño. O profesional amosouse abraiado coa boa acollida que a idea tivo entre os colectivos monfortinos e satisfeito coa calidade do material acadado tras as xornadas de gravación.

Comentarios