Monforte, 'paradiso' musical

Familia Caamagno fixo vibrar ao público con 'O ritmo da caverna' e Dakidarría obrigou a brincar sen descanso na área do Zapardiel
Decenas de mozos, nos concertos ao aire libre no marco do Festival do Paradiso, que se celebrou no parque Zapardiel.
photo_camera Decenas de mozos, nos concertos ao aire libre no marco do Festival do Paradiso, que se celebrou no parque Zapardiel.

A cidade do Cabe converteuse por unha noite en ‘paradiso’ musical coa celebración do festival que organiza dende hai catro veráns a asociación Náufragos do Paradiso.

Ata Monforte viñeron mozos de diferentes lugares, coma A Pobra do Brollón, Pantón, Sober, O Saviñao, Chantada, e mesmo da comarca do Deza, para gozar dunha noite de música ao aire libre e de balde.

A media noite subiu ao escenario o grupo Familia Caamagno, que fixo bailar aos presentes co seu particular rock en temas coma ‘Surfistas nazis’ ou ‘O ritmo da caverna’ e que anunciou que o concerto en Monforte sería o derradeiro que ofrecía nesta tempada. Logo do grupo coruñés, subiu ao escenario do festival a banda de ska Dakidarría que fixo vibrar ao Festival do Paradiso coma nunca antes. Aos presentes subiulles a tensión ao peche do concerto co tema imprescindible ‘Terra’, logo de interpretar dúas decenas de cancións.

Náufragos do Paradiso realizará unha asamblea aberta a finais deste mes para darlle un impulso ao festival e á vida local

Na última peza, acompañaron á banda pontevedresa varios membros de Os Caralludos, que entre os seus temas versionan a canción máis coñecida de Dakidarría. Ao remate dos concertos a música continuou no Festival do Paradiso cunha sesión de picadiscos.

O ‘paradiso’ comezara á tardiña cunha pancetada que estivo amenizada polo grupo de música tradicional A Cadela Asasina. Logo da merenda iniciou os concertos. ao anoitecer, a banda do Valmiñor, Millo, que visitaba a cidade do Cabe por segunda vez. Ademais das letras en galego de Millo tocaron no Paradiso os monfortinos Black Vintage.

Un dos membros do colectivo organizador, Alejando Rodríguez, amosouse satisfeito coa acollida e afluencia ao evento deste ano. «Mantense a mesma cantidade de público que noutras veces e cada verán acoden máis persoas de fóra», contou.

Nesta edición o colectivo puxo á venda unha camiseta do festival, a maiores da propia da asociación. «A do festival tivo moi boa aceptación, gustou moito», asegurou Rodríguez. O deseño desta correu a cargo do artista Humberto Loureiro.

No Festival do Paradiso traballaron de xeito altruista unhas 30 persoas, pero o colectivo organizador pretende que máis monfortinos se involucren no evento. «A final deste mes, aínda non temos unha data pechada, faremos unha asamblea aberta a toda a poboación coa finalidade de darlle un impulso ao evento», contou Rodríguez. Os Náufragos do Paradiso queren novas ideas e suxestións para o vindeiro ano.

Comentarios