''A miña viaxe soñada sería ir á Lúa, ¡pero tendo o billete de volta!''

O cociñeiro Koki García aposta pola innovación sen renunciar á cociña tradicional

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Soa moi típico, pero a verdade é que me gusta todo o que implica a cociña. Ás veces, como todo o mundo, estás ‘ata o gorro’ do traballo, pero en canto estou descansado xa o empezo a botar de menos.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Espero que nunca me pase, xa que estou encantado co meu traballo. Se tivera que elixir... non o sei, nunca o pensei.

3. O soño que máis se repite é...

Non adoito soñar moito, nin durmindo nin esperto. Prefiro estar no meu sitio e facer as cousas o mellor posible día a día.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Non. Estou encantado con todo o que fixen, ata cos erros. Como di o meu pai, dos erros é do que máis se aprende na vida.

5. ¿A quen admira?

A ninguén en particular. Todo o mundo é digno de ser admirado, soa a tópico e queda ben, pero é o que penso.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

(Risas). Algo hai, pero que se poida contar... ¡Vai ser que non! Son moi reservado.

7. ¿Que cita subscribiría?

Sen dúbida: «E para comer...Lugo».

8. ¿Votou nas últimas eleccións?, ¿atrévese a dicir a quen?

Foron as primeiras nas que non votei, pero por despiste. Non estaba en Lugo e esquecín facer o trámite oportuno.

9. ¿Que coche ten?

Un Seat Córdoba.

10. ¿Cal foi o seu antollo máis caro?

Pagar nun restaurante de Tailandia o equivalente a 300 euros.

11. ¿E o seu ben material máis prezado?

O meu coche, que foi un agasallo dos meus padriños.

12. Unha tolemia que faga por amor.

O que faga falta para que a outra persoa estea contenta.

13. ¿Hai algo que non lle perdoaría á súa parella?

Falando pódense arranxar moitas cousas, pero hainas que non.

14. ¿Ten algún pacto con ela?

Si, que eu obedeza sempre na casa.

15. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Non son envexoso, ¡e eu estou encantado co meu!

16. ¿Que libro ten na mesiña de noite?

Ningún, so teño o espertador.

17. Non sae de casa sen...

¡Vestirme!

18. ¿Que pecados capitais desculpa?

A gula, por interese, claro.

19. ¿Que é o que non falta na súa neveira?

Na do traballo hai moitas cousas. na da casa falta de todo.

20. Pérdelle un bo...

Unha boa comida, ¡sen que me toque facela!

21. Séntese cómodo vestido con...

Con calquera cousa, non adoito arranxarme moito.

22. ¿Que calzado lle gusta levar en cada ocasión?

Se pode ser, zapatillas deportivas, pero en ocasións non queda outro remedio que poñer zapatos.

23. Unha peza que deteste.

Os xerseis de pescozo alto.

24. As mellores vacacións da súa vida foron...

De vacacións sempre se está ben.

25. A súa viaxe soñada sería a...

Á Lúa, ¡pero tendo o billete de volta!

«na cociña hai que renovar técnicas, non nomes»

«NA COCIÑA HAI QUE RENOVAR TÉCNICAS, NON NOMES»
1. O seu mentor profesional foi Pedro Subijana. ¿Abriulle os ollos a un mundo novo?

Con Pedro Subijana aprendín moitísimas cousas, pero teño que agradecer tamén o que aprendín da familia Molle, do Via Veneto de Barcelona, e de Pepe de ‘Las Tinajas’, de Granada. Todos eles amosáronme un novo mundo da cociña.

2. ¿Se puidera escoller un par de nomes de xente da profesión aos que admire, ¿cales serían e por que?

Admiro a moita xente da profesión. O feito de que teñan estrelas Michelín e saian pola tele non quere dicir que traballaran máis que outros que están no anonimato e que loitaron moito para levantar os seus negocios, e conseguírono. Todos eles teñen a miña admiración.

3. Luis Tosar, Jorge Coira e Pepe Solla son algúns dos nomes coñecidos que participaron nos seus Gastrodomingos, ¿de quen foi a idea?

Do meu irmán Alberto.

4. ¿Definen esta experiencia como un ‘show-cooking’. ¿A renovación da cociña vai máis aló dun cambio de nomes?

A renovación non ten nada que ver cos nomes, o que hai que renovar é a técnica. Podes facer cociña tradicional con técnicas modernas, e mellorala.

Comentarios