Miña querida Olimpita

É difícil saber en que ano chegou a Foz a tan querida e entrañable amiga Olimpia Pérez Gómez procedente de Narón. Seu pai, Manuel Pérez, chegou a Foz para exercer como médico, pero súa nai xa falecera e con eles viña unha irmá do pai chamada Marina que en Foz lle deu clases a varios rapaces ao tempo que fixo de nai das dúas irmáns, Olimpia e Juanita, que quedou moi nova viúva.

En Foz, Olimpia integrouse moi ben, pero deixou de ser Olimpia e adoptóuselle o seu diminuto, Olimpita, co que rezaba sempre. E co que era máis coñecida.

Traballou toda a súa vida no Concello de Foz e compre destacar dela como funcionaria cando un día medio rifou co alcalde Paco Maañón dicíndolle que aos veciños había que atendelos mellor, e sobre todo aos das parroquias, que cando viñan a tramitar algún asunto ao Concello, viñan aterrorizados e se lles aumentaba o pánico ao entrar no consistorio e escoitar o monótono golpear das teclas das máquinas de escribir e aínda encima moitos funcionarios pagábanlles coa famosa frase de "vuelva mañana".

Olimpita é certo ou moi certo que era unha muller moi adiantada aos tempos, tiña unha inmensa visión de futuro, e por que non dicilo?, foi a primeira muller en practicar o nudismo en Foz e aínda non existía a democracia.

Era unha grande poetisa e deixou un gran legado cultural. Amante tamén da pintura e sacou entre outros un libro poemario dedicado a Foz que se titula ‘Foz en el recuerdo’, cunha preciosa portada, pintura feita por Suso Bustamante, tamén focego e fillo de Eugenio Bustamante (O Laredano), náufrago do pesqueiro Jesús Nazareno afundido en 1945.

Unha das súas grandes obras poéticas dela foi a do Alalá de Foz do Masma, poema que en 1954 foi musicado por Felicísimo Canoura Ramos, natural de San Acisclo, segundo violinista da Orquestra de Cámara do Teatro Colón de Bos Aires. Obra musical de moi difícil interpretación. O Alalá de Foz do Masma está dedicado á famosa romaxe que se celebraba en Foz por eses anos, a Romaxe dos Loureiros, cando as pequenas lanchas subían polo río Masma ata a zona dos Loureiros en Vilaronte, fronteirizo con Celeiro de Mariñaos, en Barreiros, e as xentes de Foz se desprazaban coas súas merendas para xantar naquel precioso recinto.

Recordando a xuventude de Olimpita, podemos tranquilamente mencionar que daba clases de mecanografía e aquí nace unha curiosa anécdota. Recén proclamada Miss Galicia a focega Elviriña López Neira no ano 1970, marcha para Cádiz de cara ao concurso de Miss España. Claro está, o certame é televisado pola única canle de TVE do noso país, pero retransmitido por outras canles internacionais. Mira ti por onde, un rapaz inglés ve a Elviriña na televisión da súa casa e ten un tremendo frechazo amoroso. Consegue o enderezo de Foz de Elviriña escríbelle unha carta en inglés. Elviriña recorre a Olimpita a cal moi pícara respóndelle en inglés ao rapaz, e así, carta vai e carta vén e como moi ben razoa Elviriña, "que sei eu o que Olimpita lle escribía?, eu nada entendía!". O caso é que o inglés quer vir a Foz para coñecer en persoa a Elviriña, pero aí Elviriña rexeita seguir con tal burla e coméntalle a Olimpita de non volver a responder e así se fixo.

Eu podería escribir páxinas e páxinas contando anécdotas de Olimpita da que debo destacar a grande amizade que eu tiña con ela. Aos poucos días de morrer súa irmá Juanita, encontreime con ela e largoume uns versos dun poema e botouse a rir ao tempo que me dixo: "Acaba de morrer miña irmá e eu ríndome, pero é que hai que entender que a morte forma parte da propia vida", e tiña toda a razón.

Agora tamén e con case cen anos, Olimpita deixounos para sempre, finou en Narón acompañada de familiares e amigos o día 7 de maio de 2021. Vaia desde aquí o meu máis sentido pésame, pero como ela mesma ben dixo, "a morte forma parta de propia vida". Descansa en paz, miña querida amiga. Xesús do Breogán.

Comentarios