Messi, Ronaldo e Silva, na lista para o Balón de Ouro

Os arxentinos Leo Messi e Sergio Kun Agüero, o portugués Cristiano Ronaldo e os españois Xavi Hernández, Andrés Iniesta, Xabi Alonso ou David Silva, entre outros, compoñen a primeira lista de 50 candidatos ao Balón de Ouro.

O Barcelona, con nove xogadores, entre eles os tres finalistas da pasada edición, Messi, gañador, Xavi e Iniesta, é o equipo con máis integrantes na relación escollida polo Comité Técnico da FIFA, segundo adiantou El Mundo Deportivo.

Gerard Piqué, Carles Puyol, Cesc Fàbregas, David Villa, Dani Alves e Eric Abidal completan a representación azulgrana.

Mentres, cinco futbolistas do Real Madrid están tamén na lista de cincuenta: ademais de Cristiano Ronaldo e Xabi Alonso, atópanse Iker Casillas e os alemáns Sami Khedira e Mesut Ozil.

Esta inicial relación de medio centenar de xogadores quedará reducida a vinte e tres aspirantes, que a FIFA dará a coñecer o próximo 1 de novembro.

Posteriormente, o 5 de decembro, a Federación Internacional de Fútbol fará oficial o nome dos tres finalistas e o gañador será proclamado o 9 de xaneiro do próximo ano, na tradicional gala que se celebra en Zúric.

O chileno Alexis Sánchez, actualmente no Barcelona pero que brillou o pasado ano como futbolista do Udinese, tamén mereceu o recoñecemento dos membros da Comisión Técnica.

O arxentino Sergio Agüero, que agora brilla no Manchester City, é outro máis dos designados logo de brillar no Atlético Madrid.

Os compoñentes da selección española destacan na lista. Ademais dos que están no Barcelona e o Real Madrid, atópase David Silva, agora no fútbol inglés, aínda que non están incluídos outros como Pedro Rodríguez, Sergio Busquets, Víctor Valdés, Fernando Torres, Juan Mata ou Sergio Ramos.

Integrantes da selección de Alemaña, como Bastian Schweinsteiger, Mario Gómez, Philipp Lahm ou Thomas Muller, foron igualmente incluídos, como Miroslav Klose ou o francés Frank Ribery, do Bayern Múnic.

Holanda non pasou inadvertida para o Comité, que nomeou a xogadores como Wesley Sneijder, Robin Van Persie, Arjen Robben ou Rafael Van der Vaart.

Os uruguaios Luis Suárez e Diego Forlán, o mexicano Chicharito Hernández, o brasileiro Neymar ou o inglés Wayne Rooney son outros nomes ilustres na relación, que só ten un representante italiano Antonio dei Natale.

Comentarios