Mercadona contrata a 28 mariñáns para Ribadeo

A cadea abrirá o día 3 a súa segunda tenda na comarca e primará a venda do peixe das lonxas da Costa e as fresas de Baamonde
Instalaciones de Mercadona en O Vilar ribadense
photo_camera Instalaciones de Mercadona en O Vilar ribadense

A cadea de supermercados de alimentación Mercadona abrirá o próximo 3 de novembro a súa segunda tenda na Mariña que estará situada en Ribadeo, nunha área comercial en expansión nos arredores da vila chamada O Vilar, xunto a negocios como Eroski, Lidl, Merkal Calzados e Decathlon. A firma aposta por impulsar a economía do lugar no que se asenta. Así, non só contratou a 28 persoas da zona que xa son indefinidas, senón que venderá produtos frescos de provedores autóctonos, sobre todo da lonxa de Porto Celeiro, pero tamén queixos fabricados en Vilalba e desde hai poucos meses ademais, fresas e frambuesas cultivadas en Baamonde .

"A adaptación ao terreo permítenos mellorar a nosa oferta en produtos frescos con produtos locais da máxima calidade e frescura, como o peixe de lonxa que viaxa directamente das lonxas galegas ás 54 tendas que hai en Galicia", advirte a compañía, que tamén aplicará esta medida no comercio que abrirá en Ribadeo e que se nutrirá tamén do peixe mariñán.

Sinalan que "en 2015, Mercadona comprou 9.500 toneladas de peixe de lonxas galegas", incluíndo as mariñás.

A firma inviste na súa planta de queixos de Vilalba para abastecerse en todo o Estado e comprou 123.000 quilos de frambuesa lucense

"Na provincia de Lugo, concretamente en Vilalba, está situada a planta do noso provedor Queserías Entrepinares que comprou en Galicia -como detalla a compañía- cen millóns de litros de leite a 180 gandeiros ao longo do ano pasado".

Respecto dos queixos, Mercadona investiu en 2015 un total de 6,9 millóns de euros na planta vilalbesa, "xa que Entrepinares fabrica alí varios tipos en exclusiva para a totalidade de tendas da cadea en España, como sería o caso do queixo Havarti e dos untables", puntualizan.

"Outro produto que procede da provincia de Lugo -engaden desde o departamento de comunicación da cadea alimenticia- é a fresa de tempada".

DESDE XUñO. Trátase dunha adquisición moi recente, xa que foi en xuño deste ano cando Mercadona empezou a comprar fresas e frambuesas ao provedor Surexport, que dispón de plantacións deste froito na localidade lucense de Baamonde. O volume de compra realizada desde o pasado mes de xuño a este provedor ascende a 123.000 quilos. Estes froitos vendéronse en 500 tendas de España, do mesmo xeito que tamén se distribuíron outras 1.100 toneladas de fresas adquiridas aos mesmos produtores lucenses.

A cadea pretende así contribuír ao "impulso do sector primario galego e das economías locais". E engaden: "En Galicia e en comunidades próximas traballamos en exclusividade produtos con selos de calidade ou con denominacións de orixe galegas, como son os queixos Punteiro, co D.O. Teto e Arzúa-Ulloa". A cadea tamén vende outros produtos galegos de forma exclusiva como os viños Albariño Viña Xunqueira de Rías Baixas e o Ribeiro Branco Larmeu.

CHARLAS VECIñAIS. Centos de ribadenses asisten desde hai días e ata o venres 28 a charlas informativas que o persoal de Mercadona ofrécelles para dar a coñecer os seus produtos. Como mostra, regalan a cada asistente un lote de artigos. Entre eles, destacan os específicos para celíacos. En 2015 dispuña de máis de mil referencias e neste momento, o 16% da variedade da marca é apto para este tipo de intolerancias alimenticias.

Comentarios