Medio Ambiente selará os doce vertedoiros municipais que continúan abertos na provincia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas elaborou unha orde que regulará a construción e a xestión dos vertedoiros de Galicia para garantir que se fagan co menor custo ambiental. Esta normativa, que será publicada no Diario Oficial de Galicia desta semana, establece mecanismos para o control da admisión de residuos e o control e vixilancia da fase de explotación, e regula o réxime da clausura e mantemento tralo selado. Entre 1998 e 2009 seláronse na provincia de Lugo 45 basureiros, cun investimento de 9,3 millóns de euros, sobre un total de 223 en Galicia. Na actualidade hai 30 vertedoiros en proceso de clausura, dos que sete están en execución, dez en fase de contratación e 13 en estudio. Na provincia está contratado o peche dos ubicados en Pol, onde hai tres, Baralla e Paradela. A clausura dos basureiros municipais de Pedrafita, As Nogais, O Páramo, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada están en fase de estudio.

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, subliñou que con esta regulación evitarase o vertido de residuos valorizables en Galicia, adecúanse as autorizacións dos vertedoiros a medida que se constrúen plantas de valorización e regúlase a autorización de códigos de identificación de residuos para controlar a súa trazabilidade. Esta norma tamén define ferramentas dirixidas a que o custo do vertido contemple todos os aspectos que garantan a imputación de todos os custes que se producen, de xeito que faga atractivo economicamente o reciclado. Nese senso, ábrese unha nova liña de actuación dentro das políticas de fomento da reciclaxe do lixo.

Agustín Hernández recordou que existe unha norma básica estatal que regula o funcionamento dos vertedoiros, pero dita normativa non descende á regulación de determinados aspectos que deben ser concretados para dar seguridade xurídica, económica e ambiental a estas instalacións. «Consideramos imprescindible que tanto os que exercen o control, como os que interveñen no proceso do vertido dos residuos teñan unha guía legal que lles garanta as boas prácticas», remarcou o titular de Medio Ambiente.

A actual capacidade de almacenamento dos centros de tratamento non é suficiente, a pesar do esforzo  realizado, «polo que se desaproveitan os recursos depositados neles e os impactos ambientais asociados a este tipo de instalacións son elevados: ocupación do solo, degradación da paisaxe ou emisión de po, entre  outros», manifestou Agustín Hernández.

A Xunta prevé que no horizonte de 2012 se selen todos os vertedoiros municipais de Galicia e invertirá cinco millóns de euros para acadar este reto.

Comentarios