Mato achaca a menor revalorización das pensións a herdanza de Zapatero

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, subliñou hoxe que o Goberno, a pesar de que non actualizou as pensións ao IPC, si as subiu, o que atribuíu á herdanza do ex presidente Zapatero, a quen tamén acusou de telas conxelado.

Así o apuntou a conselleira en resposta a unha interpelación do deputado de AGE Juan Fajardo, que acusou ao PP de mentir en campaña sobre este asunto e de cometer "un timo" ou un "atraco". O parlamentario subliñou que os populares fan "o contrario" do que propoñen no seu programa electoral e indicou que a decisión de non actualizar as pensións coa subida do IPC está vinculada a ''arranxar" as contas dos bancos. Respecto dos pensionistas, dixo, o PP compórtase "como aquel personaxe Johnny Medio Gramo, que esperaba aos vellos á porta do caixeiro para roubarlles o bolso e quedar coa pensión, esa é a actitude que teñen", subliñou.

Ante o pleno do Parlamento, Beatriz Mato atribuíu á herdanza do ex presidente Zapatero que o actual Goberno non compensase as pensións pola subida da inflación, e insistiu en que a pesar diso subíronse, mentres o PSOE "atacou frontalmente" aos pensionistas ao conxelalas. Subliñou que cando o PP accedeu ao poder atopouse un país "na UCI". Tras subliñar que Rodríguez Zapatero foi "un trileiro" que enganou, dixo, respecto ao déficit, indicou que o Goberno tivo que tomar medidas que non son gratas, pero si necesarias, e insistiu en que subiu as pensións en 55 euros de media, fronte á conxelación imposta polos socialistas.

Un bo gobernante, dixo, ten que actuar con responsabilidade para non pór en perigo a sustentabilidade do sistema e subliñou que desde a Xunta apóiase aos pensionistas e de feito é unha das poucas autonomías que ofrece un complemento ás pensións non contributivas, ao que destina 9,5 millóns de euros. Igualmente, Mato dixo estar convencida de que todas as medidas que tomou o Goberno van dirixidas a que España "non sucumba" á crise, máxime logo de como "a atopou, unhas decisións difíciles, dixo, pero adoptadas "desde o sentido común" e agregou que ''se se tomaran antes iríanos mellor".

Pola súa banda, Fajardo insistiu en que non é do PSOE, e insistiu en que desde IU, onde milita, opuxéronse a medidas do presidente Zapatero, á vez que reprochou á Xunta que adoite recorrer tamén á herdanza do Goberno bipartito, que xa non está desde hai cinco anos.

Mentres, noutra interpelación, a deputada socialista María Quintas destacou que os últimos datos sociais "asustan, estremecen", xa que máis de 600.000 galegos están en risco de exclusión social e reprochou á conselleira que adoite referirse á herdanza do bipartito ou de Zapatero, cando a propia conselleira "herdouse a si mesma" e os datos do paro en Galicia son moi malos.

A conselleira reiterou que todas as CC AA ten problemas, pero "si é certo que Galicia" ten menos e a súa situación é mellor en varios indicadores. "Iso é a realidade, gústelle ou non", dixo a conselleira, que insistiu en que non lle gustan os datos de desemprego, pero a Xunta traballa "arreo" en empregar todas as súas competencias na loita contra o paro, sen mentir á xente pero tampouco "esaxerando", dixo, á vez que subliñou que a CC AA mantén un diferencial de cinco puntos respecto da media nacional.

Comentarios