Matilde Felpeto recolle nun libro a historia e receitas do capón de Vilalba

A escritora e experta gastronómica Matilde Felpeto presentou este xoves na capital chairega a obra 'O capón de Vilalba e a súa cociña', que recolle unha contextualización histórica e varias receitas sobre este tradicional produto.

"Foi unha delicia e un pracer escribir este libro", asegurou a autora, quen aproveitou a ocasión para recordar as orixes vilalbesas do seu avó Emilio Felpeto, natural de Alba.

Matilde Felpeto Lagoa explicou que a súa obra conta cunha introdución histórica, con referencias culinarias desde o XVI, e un conxunto de 43 receitas da cociña tradicional, "sinxelas de elaborar e a base de ingredientes da terra", dixo, para logo indicar que as recolleu sobre todo na comarca, pero tamén no resto de España, Francia, Portugal e Italia.

O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, que exerceu de mestre de cerimonias, asegurou que a obra de Felpeto "marca un fito, un punto de inflexión na ampla, extensa e rica historia do capón".

O rexedor reiterou, ademais, que este manxar é o principal embaixador do municipio no mundo e dixo que a publicación, que definiu como "un magnífico libro", cobre o baleiro existente a nivel gastronómico sobre o capón.

Gonzalo Allegue, en representación da editorial Trea, descubriu que o libro partiu da iniciativa do seu compañeiro Álvaro Huici, "que ten a paixón de vir á feira de Vilalba a comprar capóns".

No acto tamén estiveron presentes a edil de Feiras e Mercados, Cheri Grandío, e o xerente da asociación de criadores, Gonzalo Hermida, que destacou a importancia da faceta gastronómica no mundo do capón.

O libro, que xa está á venda, distribuirase en todo o territorio nacional. A tirada inicial é de 2.500 exemplares, dos que o Concello adquiriu 500. Na feira haberá unha 'caseta' no que estará a disposición do público.

Comentarios