Máis de cen reclusos foxen dunha prisión de Donetsk tras un bombardeo

Máis de cen reclusos fuxiron onte á noite dunha prisión de Donetsk tras un bombardeo no que morreu un interno e outros 18 resultaron feridos, informou hoxe o concello desa cidade no leste de Ucraína, controlada polas milicias separatistas prorrusas.

A fuga masiva de presos produciuse na prisión de alta seguridade n.º 124 pouco despois de que un proxectil de artillaría impactase nun dos bloques de reclusión, sinala a nota publicada na páxina web do concello. Tras a explosión, os reclusos amotináronse e 106 deles fuxiron do penal, cuxa administración e talleres tamén sufriron danos a consecuencia do bombardeo.

Segundo o concello, parte dos reclusos que fuxiron onte á noite presentáronse esta mañá no penal.

Donetsk, cunha poboación de case un millón de habitantes antes do estalido do conflito entre as milicias separatistas e as tropas ucraínas, está completamente rodeada polas forzas do Goberno de Kiev.

As autoridades ucraínas aseguran que a situación das milicias prorrusas é desesperada e que moitos dos seus integrantes intentan abrirse paso cara á veciña Rusia. "Non obstante, os terroristas (como Kiev chama os a milicianos prorrusos) tratan coas súas últimas forzas deter a ofensiva" do Exército, afírmase nun nota de prensa do mando militar ucraíno.

Segundo Kiev, os separatistas prorrusos concentran forzas na cidade de Sverdlovsk, xunto á fronteira con Rusia, co propósito de enviar reforzos en dirección ás localidades de Torez, Snézhnoe e Rovenki, na rexión de Donetsk.

Comentarios