Máis de 4.700 alumnos comezan sen incidentes o novo curso escolar

Un profesor del Santa Rita de Galdo acompaña a los alumnos que llegan del transporte (Foto: José Mª Álvez)
photo_camera Un profesor del Santa Rita de Galdo acompaña a los alumnos que llegan del transporte (Foto: José Mª Álvez)

O inicio do curso nos colexios de infantil e primaria da comarca mariñá comezou sen sobresaltos e non houbo que lamentar ningún tipo de incidencia, segundo deron a coñecer desde a Consellería de Educación e desde os propios centros educativos.

Máis de 4.700 alumnos iniciaron as clases que se prolongarán ata o mes de xuño nun novo ano escolar que ten como novidades a ampliación a 25 as horas lectivas dos docentes, medida coa que o profesorado en xeral móstrase descontento porque non considera que vaia redundar nunha mellora da educación. Algo que se defende o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que ve nestas medidas “difíciles de adoptar” unha “optimización de recursos e a mellora da calidade educativa”.

Só catro colexios dos vinte e nove que hai na comarca contan con máis de trescentos alumnos nas súas aulas. O Sacro Corazón de Ribadeo conta con 390 alumnos, mentres que o Gregorio Sanz, tamén de Ribadeo, o Virxen do Carme de Burela e o Luís Tobío de Viveiro tamén exceden esa cifra.

Por concellos, é Viveiro o que conta con máis alumnos matriculados nas súas aulas, con 1.465 que se repartirán nos seis centros para infantil e primaria. A cidade do Landro é, con moito, o que ten un maior número de nenos e nenas, xa que o segundo concello que conta con máis matriculacións é Foz, que ten 751 inscritos. Ribadeo e Burela completan os cuartos de concellos que contan con máis alumnos nas súas aulas.

Unha das grandes novidades que hai que ter en conta neste inicio do curso podémola ver no colexio Martínez Otero de Foz, un dos máis prestixiosos da comarca, onde contarán con lousas dixitais. Tamén haberá máis nivel á hora de ensinar idiomas, co incremento dos centros plurilingües na comarca.

Sobre o problema do aumento das horas lectivas, no colexio O Cantel de Foz explican que non se trata realmente dun aumento das horas lectivas -que eran 21-, senón que é ao seu xuízo «unha supresión duns dereitos que había a partir do 2007, porque as dúas horas de libre disposición e as outras dúas de permanencia desaparecen. Agora son 25 de presenza obrigada non centro», di un docente. Dentro destas horas, a orde de Educación inclúe que os profesores asuman novas tarefas, como acompañar aos nenos cando chegan do transporte, desde o recinto de entrada ata o edificio e á inversa á hora de irse a casa, que computan como horario lectivo.

Dereitos

Tamén falan de dereitos no colexio Caselles Rollán de Xove. «Non estamos contentos porque non é un problema individual dun profesor; é un dereito do profesorado. No momento en que recolles ós nenos do bus, considérase como que estás impartindo clase. É un período lectivo porque estás co alumnado, pero non estás na aula e é tempo que perdes na preparación dá clase», di un profesor deste centro.

Ten a mesma opinión outro docente do colexio Santa Rita de Galdo. «Esta medida amparouse en aumentar os períodos lectivos e non é certo; non pódense aumentar porque non os hai. Porén, incrementando as horas que cada profesor está cos nenos, se as multiplicas polo número de profesores do noso centro, que son 15, ó final resulta que aforras un profesor».

Na práctica, para as tarefas do transporte, cada colexio organízase ao seu xeito. Por exemplo, no Cantel o equipo directivo comprometeuse a facelo durante este ano, «pero non é o normal», recoñecen. No Ceip Santa Rita de Galdo os docentes organízanse en quendas: «Quince minutos antes dá entrada hai un grupo de mestres de garda, así que pola mañá modifícanos o horario de entrada. Antes, a chegada era a dá hora de entrar e os que viñan dá casa esperaban fóra, pero agora temos que estar os profesores alí antes», explican.

Tampouco están contentos con esta nova función no Ceip de Cervo, onde o director do centro escolar recoñece que acompañar aos nenos ao autobús «causa un trastorno porque consideramos que o transporte non é un labor que nos corresponde a nós», pero con todo respéctano «porque así vén establecido na orde». Neste caso tamén se organizan en quendas os distintos docentes que dan clase neste colexio mariñán.

  • Novidades na Pontenova. Non parece importar a medida de Educación no Ceip da Pontenova. «Aquí seguimos igual, non hai problemas cos horarios nin nada. Falarémolo cando teñamos reunión do claustro, pero de momento non se plantexou nada», di un docente. Engade que o comezo do curso foi normal; «non houbo ningún choro» -si houbo algún en Cervo- e aproveitou para falar de novidades como a creación dunha sección bilingüe, a participación dunha auxiliar americana ou a posta en marcha do plan de bibliotecas.

Comentarios