Martínez confía en que a residencia de Becerreá estea terminada cando conclúa a lexislatura

O alcalde confirmou que o centro disporá de 100 prazas

O vicepresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, confía que a residencia para a terceira idade, que proxecta a Deputación, estea concluída cando remate a lexislatura ou "a principios da que vén".

Martínez precisou que o mércores está previsto que se comece cos "primeiros" traballos, neste caso a demolición da vella Escola Fogar sobre a que se situará a nova infraestrutura con fins sociais.

"O compromiso é que comece a partir do 16 —de agosto— e que levará un prazo dun mes para a súa demolición", concreta. Igualmente, recordou que se aprobou "na xunta de goberno provincial a licitación para a construción, que son aproximadamente cinco millóns de euros, que transcorridos os prazos administrativos correspondentes, a finais de setembro ou principios de outubro póidase coñecer a empresa que a vai a construír, cun prazo de dous anos".

"Se todo vai ben a final da lexislatura (maio de 2019) ou principios da que vén, os veciños de Becerreá e da comarca dos Ancares poderán gozar dunha residencia nunha zona onde non existe esa infraestrutura", agarda.

Martínez detallou que dito centro contará con 100 prazas, "corenta habitacións dobres e vinte individuais", pondo o acento tamén en que se consolidarán" un bo número "de empregos" para garantir este servizo.

Comentarios